PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A xornada Ferrol 5G achega empresas e mocidade

PorBisbarra

Mércores, 20 Novembro 2024 , , ,
A xornada Ferrol 5G servirá de plataforma de conexión entre as empresas e a mocidade ferrolá.A xornada Ferrol 5G servirá de plataforma de conexión entre as empresas e a mocidade ferrolá.

O concelleiro de Xuventude, Arán López, presentou a Xornada Ferrol 5G, que se celebrará o venres 29 de novembro no Centro Cultural Torrente Ballester a partir das 19 horas. Con esta iniciativa, a Concellería de Xuventude pretende achegar as principais empresas á mocidade coa fin de que poidan coñecer os nichos de emprego e as demandas laborais.

“Dende a Concellería de Xuventude levamos tempo escoitando as necesidades, inquedanzas e desafíos que afronta a mocidade de Ferrol, somos coñecedores do seu talento e tamén das dificultades que teñen para acceder ás oportunidades ou para sentirse conectados co tecido social da cidade”, avanzou o edil.

Neste contexto, Ferrol 5G nace como resposta a estas necesidades, como unha plataforma que busca conectar á xuventude coas posibilidades que ofrece o municipio. Ademais, fomentará o diálogo e a participación activa no desenvolvemento da cidade “Este é un espazo creado para escoitar e informar e, por suposto, para inspirar”, asegurou o titular de Xuventude.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Esta actividade busca achegar a diferentes axentes clave da cidade, como a Universidade da Coruña, Navantia, Armada e demais empresas, á mocidade, utilizando formatos modernos, innovadores e atractivos.

FERROL 5G E O SECTOR NAVAL

O responsable do departamento de Transformación Dixital de Navantia, Antonio Grandal, agradeceu a invitación do Concello de Ferrol a participar nesta iniciativa. “Permitiranos dar a coñecer aos mozos o que facemos no estaleiro”, sinalou.

Así mesmo, fixo fincapé no bo momento da empresa, que constrúe fragatas coa tecnoloxía máis innovadora do mundo. Ademais, fixo fincapé na importante carga de traballo no ámbito da eólica mariña e no proceso de modernización do estaleiro para ser máis eficientes e competitivos no mercado global. Por iso, “precisamos aos máis novos para poder cubrir as prazas que demandamos, de aí a importancia de colaborar con Ferrol 5 G”.

Pola súa parte, a vicerreitora do Campus da UDC, Ana Isabel Pernas, agradeceu tamén á Concellería de Xuventude esta xornada. “Permitirá que amosemos aos rapaces e á sociedade as nosas titulacións e traballos no eido da investigación que estamos a facer no campus e que se animen, así, a formarse aquí”, abundou.

PROGRAMA DE FERROL 5G

Ferrol 5G contempla dous bloques temáticos, que abordan sectores con gran potencial e saída laboral na cidade. Por unha banda, o bloque de moda, que contará coa participación do grao de moda e que busca destacar as posibilidades deste sector no municipio, tanto desde a formación como desde o emprendemento. Pola outra, o bloque dedicado ao sector naval, unha referencia na nosa cidade grazas á Armada e a Navantia, que “seguen a ser motores fundamentais de emprego e innovación”, apuntou o concelleiro.

Ambos bloques contarán coa colaboración activa da Universidade da Coruña, unha institución clave na formación e preparación da mocidade para responder ás demandas do mercado laboral.

O encargado de presentar esta xornada será o humorista Rafa Durán, que realizará tamén entrevistas. Ademais, ao longo do evento haberá música e contarase cun espazo de networking. “Ferrol 5G non é só unha actividade, é unha chamada a que a xuventude se faga escoitar, participe e aproveite as ferramentas e recursos dispoñibles para o seu desenvolvemento persoal e colectivo”, manifestou o concelleiro.

Para finalizar, o edil de Xuventude agradeceu á Universidade de A Coruña, Navantia e á Armada por participar nesta xornada de Ferrol 5G.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.