A Xunta e os once concellos da área de transporte metropolitano (ATM) de Ferrol abordaron hoxe a prórroga na comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. Máis en concreto, trátase dos Concellos de Ferrol, Miño, Cabanas, Pontedeume, Ares, Valdoviño, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón e Neda. A reunión estivo presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Así, a Xunta destinará máis de 887.000 euros ao ano, o 80% dos máis de 1,3 millóns do importe total do acordo. Pola súa banda, os once municipios da área achegarán os 440.200 euros anuais restantes. No marco deste convenio, a Xunta continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos. Así mesmo, seguirá costeando as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes, dun 15%; e membros de familias numerosas, de ata o 50%.
PRÓRROGAS NAS CATRO ÁREAS METROPOLITANAS GALEGAS
A prórroga deste acordo súmase aos previstos nas áreas de Lugo e Santiago, que xa celebraron a súa comisión de seguimento, e A Coruña, prevista para a próxima semana. Tras a convocatoria da comisión de seguimento das catro áreas para escoitar aos concellos, prevese que o organismo se reúna cada seis meses para avaliar o convenio.
O investimento total dos convenios nas catro áreas ascende a case 6,4 millóns anuais, dos que 5 millóns corresponden á Xunta. A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros de 55 concellos das áreas das catro cidades, entre eles os once da área ferrolá.
Cómpre destacar que os concellos da ATM de Ferrol están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 229 liñas, que prestan servizo en máis de 3.900 paradas e nas que se ofrecen máis de 235.000 servizos ao ano en máis de 5,6 millóns de quilómetros de servizo.
En canto á evolución da demanda, entre outubro de 2023 a setembro de 2024 superáronse os 2,6 millóns de viaxes. Destes, máis do 90% se beneficiaron dos descontos e bonificacións activadas no marco do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e os concellos para o fomento do transporte público na área metropolitana de Ferrol. Xunto cos descontos da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), cunha bonificación do 50%, os menores de 21 anos e os maiores de 65 anos contan con 60 viaxes mensuais gratuítas no transporte interurbano a través da Tarxeta Xente Nova e da Tarifa +65, respectivamente.