A AGFA do Eume e o Concello de San Sadurniño organizan un curso de poda e guiado das árbores. Esta actividade, cunha duración de oito horas, será gratuíta para veciñanza de San Sadurniño ou socia da Asociación Galega da Froita Autóctona. Desenvolverase na Casa da Xuventude o venres 29 e o sábado 30 de novembro. Nesta liña, a entidade e a administración local continúan traballando para impulsar o desenvolvemento da actividade frutícola.
O curso comezará cunha introdución ao sector froiteiro da man do técnico Ignacio Bellas Castro. Así mesmo, impartirá coñecementos teóricos sobre as técnicas de poda en relación cos sistemas produtivos elixidos.
No segundo día, a actividade do curso trasladarase á horta de conservación de castes autóctonas Carlos Fornos. Alí veranse exemplos de podas de formación, de frutificación e de renovación das árbores en época invernal, momento no que se produce unha parada biolóxica nas plantacións.
O curso encádrase no convenio de colaboración subscrito entre o Concello de San Sadurniño e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume. Por este motivo, as persoas interesadas que non estean empadroadas no municipio nin sexan socias da AGFA do Eume deberán pagar 40 euros pola inscrición.