O Consello da Xunta aprobou o proxecto de trazado para executar unha nova glorieta na intersección da estrada autonómica AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no Concello de Neda. A actuación para mellorar a seguridade viaria suporá un investimento autonómico de máis de 405.000 euros e contará cun prazo de execución de 5 meses.
A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Executivo autonómico comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dun predio particular cunha superficie de 806 m2. A intervención autorizada permitirá a reforma da intersección entre as estradas AC-862 no seu punto quilométrico 7+280 e a AC-115.
Neste momento a intersección existente, con forma de T e con todas as opcións de xiro configuradas por semáforos, causa demoras na circulación. Ademais, neste cruce tamén hai unha incorporación dun camiño estreito á estrada AC-862, con visibilidade limitada.
Os contornos do cruce actual condicionaron notoriamente as posibilidades de deseño da glorieta. Neste sentido, a definición xeométrica en planta vén marcada pola localización de edificacións con beirarrúa e pola posición dos eixes actuais das estradas.
Por iso, no proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta téñense en conta actuacións sobre os distintos viarios da contorna. En concreto, definiuse a glorieta na AC-862 e AC-115 cunha circunferencia cun radio de 16 metros no anel exterior da calzada e 8 metros de diámetro no anel interior, que será de formigón cunha pequena zona verde interior.
Así mesmo, acturase nos treitos de acceso e saída da futura glorieta, nos que se realizarán adaptacións pola implantación da mesma. O treito afectado da estrada AC-862 é entre os puntos quilométricos 7+204 e 7+418 e o treito afectado da AC-115 é entre os puntos quilométricos 4+640 e 4+706.
Tamén se intervirá nos entronques do viario local á glorieta, onde é especialmente relevante o enlace con seguridade do camiño que entronca actualmente con visibilidade deficiente na AC-862.
PROXECTO DA GLORIETA
Dadas as características da actuación, unha das maiores dificultades é o correcto encaixe da glorieta en canto a pendente, así como do viario que conflúe nela. No proxecto autorizado polo Goberno galego definiuse para todas as vías descritas un trazado en alzado no que se realiza un axuste progresivo nos abanos de enlace coa glorieta.
Con esta intervención resólvese tamén a continuidade dunha beirarrúa accesible ao longo da AC-862, na súa marxe esquerda. A día de hoxe hai un treito sen beirarrúa, pero aproveitarase a obra para habilitar unha nova beirarrúa cun ancho mínimo de 1,80 metros. Así mesmo, a configuración viaria proposta tamén permite a conformación dunha zona verde no entroncamento do camiño municipal.
Finalmente, é necesario o trámite de información pública para os efectos expropiatorios, xa que coa intervención aféctase un predio particular cunha superficie de 806 m2. Nete sentido, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre do 2025 para licitar e executar as obras ao longo do vindeiro ano.