A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración concedeu ao Concello de Ferrol unha subvención de 8.000 euros para o impulso da rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos. Así o informou a concelleira de Mercados e Turismo, Maica García, facendo fincapé en que a axuda permitirá “levar a cabo os primeiros pasos para a excelencia dos nosos mercados coa elaboración dunha diagnose”.
O Concello de Ferrol adxudicou o pasado mes de agosto á empresa Rural Consulting SL un diagnóstico do estado actual do mercado da Magdalena e propostas de actuacións de mellora, que estará listo nas próximas semanas. García recordou que “o mercado da Magdalena leva inmerso varios anos nun proceso de decadencia e que queremos revitalizar e dinamizar este espazo para poder acadar o selo de Mercado Excelente”.
A concelleira sinalou que “a adecuación e mellora dos nosos mercados municipais é un elemento clave tamén para a dinamización do comercio”. Segundo a edil, cómpre adecuar estes espazos ás necesidades dos operadores e consumidores, apostando polo comercio de proximidade. “As prazas de abastos son o mellor escaparate para a venta do produto galego de calidade, dos nosos produtos locais e ademais temos un trato personalizado dos nosos praceiros”, afirmou a concelleira de Mercados.