PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño e a Casa do Mel renovan a colaboración anual

PorBisbarra

Mércores, 18 Setembro 2024 , ,
Secundino García e Manuel Ferreira asinaron o convenio de colaboración para 2024.Secundino García e Manuel Ferreira asinaron o convenio de colaboración para 2024.

O IMPORTE DO ACORDO DE COLABORACIÓN ASCENDE A 2.000 EUROS PARA O 2024

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel renovaron a súa colaboración para a promoción da apicultura ao longo deste 2024. Así pois, o alcalde sadurniñés, Secundino García, e o presidente da Asociación Casa do Mel, Manuel Ferreira, asinaron o convenio anual.

O acordo reflicte o apoio do consistorio e o compromiso da asociación de manter o colmear didáctico da Cortiña e de organizar un curso gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño e outras actividades. O importe do acordo, que se traduce nunha subvención nominativa en favor da Casa do Mel, ascende a 2.000 euros. Así pois, aboarase como adianto o 75%, mentres que o outro 25% se liberará a finais de ano, cando presenten a memoria e as facturas xustificativas.

O convenio delega na Asociación Casa do Mel o mantemento das colmeas situadas na esquina sueste da Horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos. Segundo se recolle no texto asinado, a entidade deberá repoñer elementos deteriorados, ofrecer ás abellas os coidados que requiran e contratar un seguro de responsabilidade civil. As cláusulas refírense tamén á obriga de colocar trampas con atraentes para previr os ataques da vespa velutina.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A maiores, o acordo inclúe unha parte didáctica vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual e gratuíto de introdución á apicultura.

Así mesmo, a asociación asume o compromiso de comunicar con dez días de adianto as visitas guiadas e outras actividades no colmear, para coordinar mellor o uso do espazo e reforzar a seguridade nas colmeas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.