A Xunta de Galicia acaba de formalizar a adquisición de sete parcelas privadas no Parque Natural Fragas do Eume. Asemade, traballa xa na compra de máis terreos coa fin de seguir reforzando e ampliando a superficie de titularidade pública dentro deste espazo protexido.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou en Pontedeume a correspondente escritura de compravenda cos 6 propietarios das fincas. En total suman 10,97 hectáreas e están localizadas nos concellos de Monfero e As Pontes de García Rodríguez.
En total, tendo en conta os seis lotes adquiridos ata o momento a 35 propietarios, o Goberno galego asumiu a propiedade de 103 parcelas privadas neste parque natural. A superficie total chega ás 120,02 hectáreas e supuxo un investimento de 706.870,36 euros.
A maiores, a conselleira avanzou que o seu departamento está a tramitar xa un sétimo lote de parcelas. A través deste prevese a adquisición de aproximadamente 43 hectáreas adicionais cun investimento reservado de máis de 270.000 euros.
Estas operacións de compra-venda enmárcanse nun programa pioneiro promovido pola Xunta tras a aprobación do Plan de uso e xestión do parque natural no ano 2023. A fin é reforzar o peso da superficie pública nun espazo no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.
O obxectivo desta iniciativa, que se empezou a materializar en febreiro de 2024 coa compra das primeiras parcelas privadas, é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese ecolóxico. Así, elimínanse e retíranse especies invasoras e mellóranse a continuidade das masas de frondosas autóctonas que caracterizan ás Fragas do Eume. Este espazo natural protexido esténdese polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez.
Neste senso, a Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións no parque para incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación. Asemade, pretende asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.
O Parque Natural Fragas do Eume atópase nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río. A día de hoxe é unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.




