A Xunta de Galicia investiu algo máis de 30.000 euros en mellorar a eficiencia enerxética do CPI A Xunqueira, no Concello de Fene. Coa finalidade de supervisar o resultado das actuacións, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, visitaron as instalacións.
Os traballos, acometidos pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, consistiron na substitución de parte da carpintería exterior do inmoble. Concretamente mudáronse un total de dez ventás, instalando unhas novas de aluminio anodizado natural con apertura oscilobatente, rotura de ponte térmico e persianas en caixón monoblock de lamas de aluminio.

Aneiros lembrou que esta é unha das actuacións levadas a cabo no marco do Plan de Benestar e Accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025). Como todos os anos, intensifícanse no período estival coa finalidade de interromper o menos posible o funcionamento diario dos centros educativos.
PLAN DE NOVA ARQUITECTURA PEDAGÓXICA DA XUNTA
A estas actuacións de menor envergadura súmanse outras de maior calado que elevan ata os 16 millóns de euros o investimento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica no ámbito territorial. Nesta liña, actualmente avánzase na execución de dúas grandes intervencións. Por unha banda, a ampliación do CPI As Mirandas, en Ares, cun orzamento superior aos 3 millóns de euros. Pola outra, o cambio da cuberta do CEE Terra de Ferrol, valorada en preto de 600.000 euros. A estas obras hai que sumar a reforma do IES Sofía Casanova, por 1,3 millóns de euros, e as rehabilitacións integrais do CIFP Leixa, cun investimento de 1,8 millóns de euros, e do CEIP A Gándara, de Narón. Ambas actuacións foron recentemente licitadas e acometeranse este mesmo ano.
Aneiros destacou que no marco deste plan executáronse xa actuacións de tanta relevancia como as rehabilitacións integrais do CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, por 1,4 millóns de euros, e do IES de Catabois, con 762.000 euros.
Ademais, lembrou que están comprometidas para o futuro a ampliación do CIFP Ferrolterra, cun orzamento de 2,5 millóns de euros; a reforma da cuberta do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, por 700.000 euros; a pista cuberta do IES Ricardo Carvalho Calero, cun importe de 650.000 euros; a do IES Concepción Arenal e o pavillón do IES Ferrol Vello. No tocante a estas dúas últimas intervencións, aínda está por determinar o orzamento.



