As bibliotecas xestionadas polo Goberno galego serán protagonistas, mañá e o luns, das actividades programadas co gallo da celebración do Día das persoas usuarias
As bibliotecas da Xunta de Galicia remataron 2025 cunha suba de ata 289.883 do número de carnés de usuarios, o que supón preto de 9.000 máis que o pasado ano. Precisamente, os seus propietarios son os
protagonistas das actividades que celebrarán, mañá sábado e o vindeiro luns12 de xaneiro, co gallo do Día das persoas usuarias, efeméride que este ano coincide en domingo.
Por estes motivos, a programación desta celebración das bibliotecas, que se pode consultar ao completo nesta ligazón da Xunta e que se desenvolverá durante estes dous días, contará con visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteos de libros e premios aos lectores máis activos.
Con respecto ao número de persoas usuarias acadadas en 2025, 287.235 destes carnés pertencen á Biblioteca de Galicia e á de Ánxel Casal, en Santiago de Compostela; á Miguel González Garcés, na Coruña; á Pública de Lugo; á de Nós, en Ourense e a de Antonio Odriozola e Juan Compañel, en Pontevedra e Vigo, respectivamente.
Mentres que os 2.648 restantes carnés corresponden aos que fan uso da rede de bibliotecas móbiles da Xunta, A furgoteca, que facilita o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, de menos de 20.000 habitantes, que non contaban con este servizo.
Ademais da programación de actividades nas bibliotecas públicas das catro provincias galegas, o servizo de A Furgoteca tamén se sumará a esta celebración con reparto da publicación Cousas que escribín para ti e tamén facendo partícipes as súas persoas usuarias dunha enquisa, que lles vai permitir coñecer o seu perfil, co obxecto de axustar tamén este servizo ás súas inquedanzas e gustos lectores.








