O Concello das Pontes recibiu unha axuda da Xunta de 160.352,65 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), na liña de concorrencia non competitiva. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o municipio para comprobar o resultado do investimento.
Coa achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a administración local financiou tarefas de restauración do espazo natural do entorno do lago. Así, procedeuse á eliminación de vexetación selectiva mediante rozas, subministro e instalación de catro bombas de augas residuais en Barreiro, Lago, Perfolla e Mourela, e a adquisición de dous vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco para o departamento municipal de Obras e a Policía Local. Ademais, procedeuse ao subministro dun cullerón varredor para unha pala retroexcavadora adicada a tarefas de limpeza, protección e conservación do medio ambiente.

O FCA ACHEGA 950.000 EUROS EN FERROL, EUME E ORTEGAL
A delegada territorial lembrou que o FCA é un programa a favor das melloras ambientais no eido local. Este ano suma un investimento próximo aos 950.000 euros para apoiar accións en 14 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así, distribúese o canon eólico en beneficio da conservación e restauración do entorno, así como do equilibrio territorial.
Durante a visita, Aneiros destacou o compromiso do Goberno galego cos concellos á hora de garantirlles a dispoñibilidade de infraestruturas e servizos municipais de calidade a toda a cidadanía, con independencia ao seu lugar de residencia, impulsando así o equilibrio do territorio. Lembrou ademais que, a través das convocatorias de axudas específicas como a orde de Infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local, a Xunta investiu 24 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais ao longo do pasado ano.



