PUBLICIDADE

O punto limpo de Vilar do Colo en Fene abrirá o 20 de xaneiro

PorBisbarra

Xoves, 16 Xaneiro 2025 , , , ,
En 2013 construiuse o punto limpo, pero entrará en funcionamento agora grazas ao covenio asinado entre os Concellos.En 2013 construiuse o punto limpo, pero entrará en funcionamento agora grazas ao covenio asinado entre os Concellos.

O punto limpo de Vilar do Colo abrirá as súas portas ao público o próximo luns, 20 de xaneiro. Un servizo que marcará un antes e un despois na xestión de residuos para os Concellos de Fene, Ares e Cabanas. Esta apertura, cualificada como “un feito histórico” polos rexedores dos tres concellos, culmina unha longa traxectoria que comezou coa construción das instalacións en 2013. Tras numerosos obstáculos administrativos, recibe agora a autorización da Xunta de Galicia que posibilita a súa apertura.

A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións acompañada dos alcaldes de Fene, Ares e Cabanas; Juventino Trigo, Julio Iglesias e Fernando Couce, respectivamente. “Por fin poñemos a disposición da veciñanza unhas instalacións modernas, pensadas para a xestión de residuos e o coidado do medio ambiente”, subliñou Trigo.

O punto limpo estará xestionado pola empresa COREGAL e dará servizo aos tres concellos.
O punto limpo estará xestionado pola empresa COREGAL e dará servizo aos tres concellos.

O punto limpo estará xestionado inicialmente pola empresa COREGAL. Funcionará de luns a venres, de 16 a 20h, e os sábados de 10 a 14h. O obxectivo principal é facilitar o tratamento axeitado dos refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais, como voluminosos, aparellos electrónicos ou residuos especiais.

PUBLICIDADE

Na visita ás instalacións tamén participaron as concelleiras fenesas de medio ambiente, María del Carmen Martínez; servizos, Sandra Permuy; e obras, Manuel Polo. Martínez sinalou que “a posta en marcha deste servizo contribuirá a resolver problemas históricos, como os vertedoiros incontrolados ou o uso indebido de colectores convencionais, á vez que permitirá reducir a dependencia da Mancomunidade para o tratamento de residuos voluminosos”.

Ademais, o Punto Limpo inclúe a posta en marcha dun espazo de economía circular, onde a veciñanza poderá reparar ou intercambiar aparellos aos que aínda lles quede vida útil. “Queremos fomentar a reutilización e o aproveitamento máximo dos recursos, contribuíndo á sostibilidade”, explicou Sandra Permuy.

DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO DO PUNTO LIMPO

A construción do punto limpo de Vilar do Colo rematou en 2013, cun investimento de preto de 241.000 euros, financiados a través do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020. Desde entón, o proxecto afrontou numerosas dificultades, como a complexidade de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios e os procesos de licitación. Finalmente, no 2021 asinouse o convenio entre os Concellos de Fene, Ares e Cabanas, que permitiu desbloquear a situación.

“Este punto limpo non só mellorará a xestión dos residuos, senón que reforza a colaboración municipal como modelo de éxito”, destacou o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Así pois, con esta apertura, os tres concellos dan un paso decisivo cara a unha xestión sostíbel e eficiente dos residuos, reforzando o seu compromiso coa protección do medio ambiente e o benestar da veciñanza.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.