A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado asegurou hoxe en rolda de prensa que “o emprego ben pagado é necesario en Galicia e por iso, fronte a un independentismo galego enrocado no ‘non’ a calquera proxecto industrial”, reitera o seu apoio a “todas aquelas iniciativas que cumprindo a normativa poidan achegar riqueza e crear oportunidades no territorio”.
Así o manifestou esta maña ante os medios de comunicación, nunha xuntanza na que apuntou a que o próximo 18 de febreiro “vaise cumprir un ano do cambio de opinión do BNG respecto ao proxecto de Altri e, polo tanto, un ano do inicio da súa vinganza política”.
Prado explicou que “só desde a vinganza e o resentimento pola súa derrota electoral, se pode entender o rexeitamento dos independentistas galegos e os seus satélites a un proxecto que está sendo analizado minuciosamente polos técnicos da Xunta e en ningún momento sairá adiante se non cumpre coa normativa medioambiental”.
A CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE DI QUE “NON VAI IR EN CONTRA DA LEI”
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, explicou tamén a súa postura en canto aos trámites e a realidade de Altri. “Eu nunca lle pediría a un alcalde que prevaricase”, respondía así ás críticas dos alcaldes de Melide, Arzúa e Santiso por unha carta remitida esta semana ao presidente da Xunta. A xuízo da conselleira, “ningunha crítica ecoloxista contra a celulosa de Altri ten fundamento xa que non hai base ata que non haxa unha declaración de impacto ambiental”. Instou aos alcaldes a “respetar a ley igual que ten que respetala a Xunta de Galicia. Respetar a lei son un plazos, e dentro desos plazos, se a documentación non é clara ou está incompleta, a Xunta poñerase en contacto co promotor para que clarifique ou faga as aportacións necesarias”.
O PP DE MELIDE, ARZÚA E SANTISO RECLAMA QUE “OS ALCALDES NACIONALISTAS DEIXEN DE MALGASTAR O TEMPO EN CONTRA DE PROXECTOS COMO ALTRI”
Os portavoces do Partido Popular de Melide, Santiso e Arzúa, emitiron onte un comunicado en apoio á postura que o seu partido ten con respecto a Altri. Demandan cada seu rexedor unha “política seria e acorde coa legalidade vixente toda vez que os tres alcaldes desenvolven labores de xestión pública municipal e son sabedores de que calquera proxecto, dende unha licencia para un pechado ata unha licencia para a instalación dunha nave gandeira sexa do tipo que sexa é avaliado por técnicos e non é algo discrecional deixado da man de criterios políticos; confundir á cidadanía con mensaxes baleiros para desviar a atención do verdadeiramente importante non é o que se agarda de alcaldes que deben defender o ben común con recursos de todos”.
Dende o PP Comarcal engaden que “xogar a ocupar titulares de prensa defendendo non avaliar un proxecto de acordo con criterios técnicos ten un nome que é prevaricación, algo penalmente punible”, recórdanlle “aos tres portavoces municipais dos concellos afectados aos alcaldes Xoán Xesús Carril, José Manuel Pérez e Manolo Adán. Instar a que o goberno galego a prevaricar é desoír o ordenamento xurídico ao que todos os cidadáns e autoridades estamos sometidos, incluídos eles como responsables máximos municipais”.