PUBLICIDADE

Pontón avanza que o BNG pedirá a comparecencia das plataformas e dos sectores ameazados por Altri no Parlamento

PorBisbarra

Xoves, 16 Xaneiro 2025 , , ,
Ana Pontón na súa visita hoxe a Arqueixal, na Ulloa.

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou en Palas de Rei que o BNG solicitará a comparecencia das plataformas que están traballando en contra de Altri, así coma a dos sectores produtivos que están denunciando que a macrocelulosa é un atentado contra os seus proxectos empresariais e a de diversos sectores do ámbito científico e académico que sinalan “como contaminante un proxecto que hai que parar porque po en risco o futuro do País”.

“Agardamos que o Partido Popular acepte que se escoiten as voces críticas contra Altri no Parlamento galego e que non aplique a súa maioría para vetar esta proposta porque cremos que o Parlamento é un lugar onde a cidadanía está representada e a súa voz ten que ser escoitada directamente”, afondou.

Pontón fixo este anuncio logo da súa visita á explotación gandeira e de transformación láctea Arqueixal, na que exemplificou o potencial dos sectores produtivos da comarca da Ulloa, que demostran a capacidade de desenvolvemento do rural a través de proxectos innovadores, sustentables e respectuosos co medio e co territorio e cuxo futuro vese ameazado pola “bomba ambiental que o Goberno do PP quere instalar no corazón de Galiza”.

PUBLICIDADE

A líder nacionalista reclamou ao Executivo de Alfonso Rueda que “escoite o clamor social” contra a macrocelulosa e “rectifique” a súa posición “porque é evidente que o futuro non pasa por proxectos contaminantes, senón por desenvolver dunha maneira sostible o País”.

Neste contexto, insistiu en pedir ao Goberno de Rueda que rectifique “a súa posición e, na vez de facer de comercial de Altri, apoie aos sectores produtivos do rural, tal e como propón o BNG a través do desenvolvemento do denominado Plan Ulloa-Ulla-Arousa, unha clara aposta por un modelo de desenvolvemento alternativo e sustentable e que sería financiado cos 250 millóns de euros que o PP quere entregarlle a unha multinacional portuguesa para que contamine o País”.

TRES EIXOS DE ACTUACIÓN

Segundo explicou, o plan deseñado polo Bloque incidiría sobre tres grandes eixos de actuación: o primeiro, o apoio ao desenvolvemento dos sectores produtivos, con axudas específicas á base produtiva e aos proxectos económicos de transformación no medio rural, cunha gran capacidade para innovar e para instalar novas empresas, por exemplo, no ámbito agrogandeiro.

O segundo gran eixo de actuación pasa pola recuperación do río Ulla, tanto dende o punto de vista ambiental como cultural e económico, o que suporía tamén preservar a ría de Arousa, unha das rías máis produtivas de Galicia. E, en terceiro lugar, o Plan Ulloa-Ulla-Arousa contempla un cambio no modelo forestal, apostando por un monte multifuncional, que non se limite só á primeira transformación da madeira, senón que permita unha segunda e a unha terceira transformación do produto.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.