A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro de formación de Windar Renovables en Fene. No polígono de Vilar do Colo, esta firma imparte ao longo do ano diferentes cursos apoiados polo Goberno galego. Durante a visita estivo acompañada do director de Recursos Humanos de Windar Renovables, Ignacio Robles, o xerente da fábrica de Windar en Fene, Bruno Corcoba, e a técnico de formación de Asime, Emma González
Aneiros interesouse polo grao de satisfacción dos 12 alumnos que actualmente están a participar nun curso de iniciación á soldadura con este tipo de formación para o emprego. Así pois, destacou a aposta do Goberno galego por “adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais da contorna, neste caso nunca comarca moi vinculada ao sector industrial que busca reforzar o seu posicionamento no sector das enerxías renovables, o que nos permite obter unha integración laboral moi alta”.

Estes itinerarios forman parte das accións formativas desenvolvidas no marco do convenio de colaboración que a Xunta asinou para a anualidade 2024-2025 coa Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime). O obxectivo é avanzar na cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos e mellorar as capacidades para a transición ecolóxica.
Os cursos teñen unha duración de 380 horas e neles impártense contidos de carácter non formal vinculados á unidade ou unidades de competencia das cualificacións profesionais incluídas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Ademais do actual, que concluíra o próximo mes de febreiro, impartíronse outros vinculados a operadores de ponte grúa, prevención de riscos laborais ou equipos de traballo en almacén.



