O Concello de Barbadás trasladoulle á Xunta de Galicia as problemáticas detectadas no CEIP Filomena Dato. Así pois, a concelleira de Educación do Concello de Barbadás, Marga Pérez, mantivo unha reunión co director territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro Grande. Neste encontro comunicoulle a urxencia de tomar medidas que solucionen o “cúmulo de deficiencias detectadas e desatendidas durante os últimos anos”.
O responsable de Educación na provincia de Ourense, segundo explica Marga Pérez, “amosou o máximo interese en solucionar todas as necesidades que lle transmitimos, tanto dende o Concello como dende a dirección do CEIP”.
O CEIP Filomena Dato, con 26 anos de antigüidade, presenta filtracións no ximnasio, a aula de psicomotricidade ou o almacén, ademais de danos en varias cubertas. Estas deficiencias son unha preocupación para as familias, o alumnado, a dirección do centro e o Goberno local de Barbadás.
A concelleira de Educación resaltou que “dende o Concello tratamos de ir solucionando algunhas, pero hai outras que requiren grandes actuacións estruturais para as que é imprescindible contar coa colaboración da Xunta”. Neste senso, o Concello de Barbadás fai unha achega anual de 200.000 euros para o mantemento dos colexios, en concreto para persoal de conserxería, limpeza, gastos de luz, prevención de pragas ou incendios.
A reunión tamén serviu para que a concelleira puxera sobre a mesa outras cuestións que precisa o CEIP, como o pintado da fachada e o problema de sucidade que crean as pombas no patio de xogos do centro.
“A colaboración entre as administracións é imprescindible para poder facer un correcto mantemento dos colexios”, abundou a edil.