O Concello de Fene iniciou os traballos de mellora da rede de abastecemento en Tellerías. Esta actuación contempla a substitución das actuais tubaxes de fibrocemento, que presentan un notable deterioro, por conducións de polietileno de alta densidade. Este material, máis resistente e eficiente, mellorará a calidade do subministro para as 18 vivendas da zona.
As actuacións inclúen a instalación das novas tubaxes, conexións coas redes municipais existentes, a creación de válvulas de paso para facilitar a xestión da rede e a reposición dos pavimentos afectados pola intervención. Durante o proceso, implantaranse medidas de seguridade específicas, minimizando o impacto no tráfico rodado, que será debidamente sinalizado.
O concelleiro de obras, Manuel Polo, indicou que esta obra foi considerada “de máxima prioridade” no ‘Estudo para a mellora da rede de abastecemento municipal’, realizado polo Goberno local no verán do ano pasado. “Unha actuación necesaria para modernizar as nosas infraestruturas e ofrecer un servizo básico en ópticas condicións”, indicou o edil. Así mesmo, destacou a elección de materiais máis modernos e duradeiros, respondendo a unha aposta pola eficiencia e a sostibilidade. “Esta actuación permitirá evitar perdas de augas e garantir unha rede de abastecemento máis fiable e adaptada ás necesidades actuais”, concluíu.
Esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla do Concello de Fene para avanzar na mellora dos 7.746 metros da rede de abastecemento, unha prioridade para a administración local. De feito, en paralo ás obras en Tellerías, está en marcha outra actuación similar na rúa Travesa e Camiño do Inferniño, iniciada a semana pasada. “Son investimentos custosos, pero imprescindibles para avanzar na modernización dunha rede que ten unha idade media de corenta anos”, sinalou o Goberno local.
As obras de mellora da rede de saneamento en Tellerías foron adxudicadas por 53.500 euros, que serán financiados a través do Programa POS+2023 da Deputación da Coruña. O prazo de execución das obras é de tres meses.



