A Xunta de Galicia autorizou a repotenciación dun parque eólico de preto de 20 megavatios nos Concellos de Ortigueira e Mañón. Tras a resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, autorizarase o desmantelamento de parte das instalacións actuais do parque eólico Serra da Panda. No seu lugar, construirase outras novas na contorna, pasando de 24 aeroxeradores a oito.
Deste xeito, a empresa promotora desmantelará 19 aeroxeradores instalados neste parque, mantendo cinco, e unha torre meteorolóxica. En paralelo, restauraranse tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso.
A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Serra da Panda suporá a instalación de tres novos aeroxeradores e a actualización da subestación transformadora existente.
O futuro parque contará cunha produción neta de 63.645 megavatios hora ao ano tras un investimento total de máis de 11 millóns de euros. Este importe suma o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación.
A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a facilitar as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe. Neste sentido, permiten reducir ata un 80% o número de aeroxeradores e aumentar un 35% a súa capacidade de produción de enerxía renovable.
No último ano tramitoues a repotenciación voluntaria de nove parques. Seis xa foron autorizados e tres xa obtiveron a declaración de impacto ambiental, continuando coa tramitación para a súa autorización.




