O Concello de Ferrol vai proceder á sinalización das colonias felinas da cidade. Así o avanzou a concelleira de Benestar Animal, Maica García. O obxectivo é facilitar o traballo de alimentación e coidado destes animais ás máis de 60 persoas voluntarias que se encargan das 40 colonias municipais.
No cartel indícase que esa colonia felina sinalizada está autorizada, protexida e controlada co método CER (Captura-Esterilización-Retorno). Segundo explicou a edil, as colonias felinas permiten controlar o número de gatos, evitar nacementos, garantir unha alimentación responsable dos animais e evitar problemas ambientais.
Ademais, a concelleira de Benestar Animal lembra que, en base ao cumprimento da lei 7/2023, está prohibido baixo sanción abandonar, subtraer ou maltratar aos gatos. Así mesmo, tamén vai contra a normativa retirar ou destruír os refuxios e alimentar gatos sen autorización.
As persoas interesadas en ser voluntarias de colonia felina poden inscribirse no Concello de Ferrol ata o 14 de marzo. Neste sentido, deben presentar por rexistro a solicitude dirixida á área de Benestar Animal. Tras a súa aprobación, recibirán un carné identificativo.