Fabiola García, naceu en 1985 en Ribeira e é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou na política en xuño de 2015, como primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira. Xa no 2016 foi nomeada directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellaría de Política Social. Actualmente é a conselleira de Política Social e Igualdade.
A política repasa para Bisbarra as accións que a súa Consellaría ten en marcha para facer máis doada a vida dos galegos e galegas. Melloras para a cativada e para as súas familias e tamén para as persoas dependentes. Tendo sempre en conta ás persoas con menos recursos, chegadas doutros lugares do mundo así como a aquelas mulleres que sofren unha situación complicada por violencia de xénero. Fabiola García ten como obxectivo dende a súa área incrementar as políticas que faciliten o día a día da veciñanza.
En canto á dependencia, sabemos que o goberno central débelle a Galicia 2.500 millóns de euros , pensa que Pedro Sánchez pagará esa débeda? Son case 925 euros por cada galego. Galicia ten que poñer sobre 200 millóns o ano para dependencia que ten que poñer o Goberno español, en que melloraría Galicia con eses cartos?
A Xunta de Galicia leva moitos anos avisando ao Goberno central de que existe un problema estrutural no financiamento da dependencia realidade é que somos as comunidades autónomas as que sostemos realmente o sistema de dependencia e as que facemos un esforzo maior ante o financiamento insuficiente do Goberno central. Deste xeito, o Goberno central leva anos instalado na política de “eu invito, ti pagas”. E desde Galicia, o que imos seguir facendo e continuar esixindo que o financiamento debe ser a partes iguais entre o Goberno central e a comunidade autónoma. O noso obxectivo é seguir incrementando a nosa achega á atención á dependencia, mentres que a aportación do Goberno central baixa. Así o demostran os datos: mentres en 2023 o Estado achegaba o 40% do financiamento, en 2024 esta porcentaxe descendeu ao 34,9%.
Desde a Xunta imos seguir solicitando que se amplíe este financiamento e que o Executivo central abone os 2.500 millóns de euros que nos debe aos galegos e galegas. A realidade é que con ese importe, poderíamos seguir incrementando prestacións e creando novos servizos.
O Goberno central leva anos instalado na política de “eu invito, ti pagas”
Que políticas ten en marcha o goberno galego para as persoas dependentes?
As persoas con dependencia en Galicia poden optar a unha axuda económica para pagar a axuda no fogar (SAF), ou para acudir a un centro de día ou para residencias. Ademais, a Xunta ofrece o bono coidado, unha prestación para que as persoas que o desexen poidan ser atendidas na súa casa, e, do mesmo xeito, ofrece un complemento ao bono residencia para sufragar os custos da praza.
A maiores, hai axudas de promoción e autonomía persoal destinadas a sufragar gastos de fisioterapia, logopedia…Sen esquecer que tamén poden ter acceso a centros de día, residencias, SAF públicos ou a teleasistencia.
Lembrar que na última lexislatura incrementamos nun 24% a achega da Xunta aos concellos para sufragar os custos do SAF

Como está funcionando o plan de choque para a lista de espera de dependentes?
Durante todos estes anos demos pasos moi importantes de cara a mellorar o acceso aos servizos de dependencia e discapacidade e ímolos a seguir dando. Deste xeito, este mesmo ano 2025 demos un paso máis coa posta en marcha do plan de axilización e simplificación para reducir os tempos de agarda na valoración da dependencia e discapacidade.
Un plan que xurde co obxectivo de reducir a seis meses o tempo máximo de acceso aos servizos e prestacións.Ente outras medidas, este plan abre unha nova vía preferente para as persoas maiores de 80 anos e reduce ao máximo a burocracia, xa que só hai que presentar a solicitude. Ademais, permite solicitar a valoración de dependencia e discapacidade á vez e habilitar a homologación, algo que xa fixemos con 6.000 persoas que estaban agardando. O novo plan, que leva dous meses aplicándose, inclúe tamén a mellora da xestión das citas, que se fan a través dunha mensaxe no móbil, e o reforzo do persoal que forma parte do procedemento.
En qué consisten os departamentos territoriais específicos para a discapacidade?
No mes de xaneiro, creamos nos seus departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo servizos específicos para á valoración da discapacidade, algo que nos ten permitido reforzar a estrutura organizativa da Consellería, co fin de dotarnos dunha maior especialización e gañar en eficiencia neste ámbito. Este paso permítenos ter xefaturas de servizo en exclusiva para cada área: dependencia e discapacidade, ao igual que fixemos nos servizos centrais. Deste xeito, garántese unha mellor planificación, coordinación e dirección do persoal e das tarefas asignadas.
Este reforzo da estrutura está incluído no plan de simplificación e axilización, que tamén inclúe o reforzo dos equipos de valoración, da formación dos traballadores e a posta en marcha de incentivos.
Cal é o funcionamento do Servizo de Axuda ao Fogar en Galicia?
A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a través do que reciben atención profesional nos seus domicilios preto de 25.000 persoas con dependencia. Apoiamos aos concellos no financiamento deste servizo e, de feito, nos orzamentos deste anos reservamos un total de 140 M€, un 8% máis que o ano anterior. Cómpre lembrar que na última lexislatura incrementamos nun 24% a achega da Xunta aos concellos para sufragar os custos deste servizo. Este incremento foi o resultado do acordo acadado no ano 2021 coa Fegamp, en base ao cal o financiamento por parte do Goberno galego pasou dos 9,7 €/h en 2020 aos 12 €/h que se abonan na actualidade. Este aumento fíxose de maneira progresiva no período comprendido entre os anos 2021 e 2023, adiantándose un ano ao negociado coa Fegamp.
Ademais, nas próximas semanas iniciaremos cos concellos unha negociación que permitirá seguir impulsando a mellora do financiamento do SAF, de feito xa teño pechada a reunión co presidente da Fegamp sobre este tema. Neste encontro avaliaremos un novo acordo de financiamento para o SAF co obxectivo de seguir incrementando a financiación.

Recentemente reuniuse coas presidentas de Empresarias de Galicia e da Asociación de Familias e Mulleres Rurais, cales son as súas demandas?
O obxectivo destes encontros foi coñecer o seu traballo e as súas demandas no ámbito da igualdade de xénero. No caso das Empresarias de Galicia, puiden coñecer de preto o labor desta asociación na promoción da igualdade no ámbito empresarial galego. Como xa lles avancei, desde a Xunta queremos continuar colaborando con iniciativas que permitan ás mulleres ter máis presenza no mundo corporativo. En canto a Afammer, quixen agradecerlles o seu traballo diario para dar visbilidade ao importante papel que teñen as mulleres rurais na sociedade galega.
Desde a Xunta queremos continuar colaborando con iniciativas que permitan ás mulleres ter máis presenza no mundo corporativo
Que ofrecen os CIM para ás mulleres? Está previsto a creación de máis CIMs durante este ano?
Galicia conta cunha completa rede de Centros de Información á Muller, 84 centros que dan servizo a 200 concellos e atenden a máis de 16.000 mulleres ao ano, conformando un recurso vital e único na promoción da igualdade de xénero e na atención á violencia que sofren as mulleres. O seu persoal é importantísimo, xa que son os primeiros en escoitar a estas mulleres e en achegar solucións. Por iso quero aproveitar para facer un recoñecemento á súa entrega diaria, que é froito dunha combinación de responsabilidade, seriedade, compromiso e profesionalidade.
Contamos con 84 Centros de Información á Muller que dan servizo a 200 concellos e atenden a máis de 16.000 mulleres ao ano.
Por iso, desde a Xunta seguiremos reforzando os CIM porque son fundamentais para loitar contra a violencia de xénero. Xa que son recursos próximos á cidadanía e exemplo de colaboración cos concellos e garanten que mentres haxa unha muller que precisa axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo, aí estarán estes centros de información por toda Galicia para axudalas no que sexa posible.
Por iso, vimos de iniciar a elaboración do Plan integral de actuación para a renovación e o impulso dos CIM de Galicia, o que se suma o feito de que en 2025 estes recursos xa contan cun 30 % máis de financiamento, ata superar os 6,5 millóns de euros.
Desde a Xunta seguiremos reforzando os CIM porque son fundamentais para loitar contra a violencia de xénero.

Que ofrecen as casas do maior? Como pode beneficiarse a veciñanza deste servizo?
Estes servizos pioneiros en toda España están destinados a ofrecer unha atención de calidade aos maiores dos concellos máis despoboados e nos que non hai outro tipo de recursos. A día de hoxe, en Galicia hai máis de 140 casas do maior en funcionamento, que supoñen un piar fundamental para fomentar o benestar dos maiores. Ademais, son un recurso fundamental que nos axuda a impulsar a conciliación familiar nos territorios máis rurais de Galicia, fomentar un envellecemento activo e previr a soidade non desexada.
Xa se convocaron as axudas para ratificar o compromiso da Xunta coa vítimas de violencia de xénero, que novidades traen este ano?
O compromiso da Xunta coas vítimas é firme, de feito en xaneiro puxemos á súa disposición un paquete de axudas que suman máis de 10M€ e que xa poden ser solicitadas. Destacan, especialmente, as achegas periódicas de ata 800 euros ao mes que ofrece Galicia en exclusiva, coas que queremos apoiar a independencia económica destas mulleres e que dispoñen dun orzamento de 5,4M€. Esta é unha das principais ferramentas coas que contamos, pero non a única. Contamos tamén coas axudas de pago único -dirixidas ás mulleres que se atopan con dificultades na busca de emprego- e que contan cun orzamento de 2,7M€; as de indemnización -que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial-; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas, orfos/as e a vítimas da violencia vicaria, que dispoñen de 70.000 euros.
Xunto a estas axudas, contamos con cinco centros de crise para vítimas de violencia sexual, Santiago, situados nas áreas sanitaria de Ferrol, Vigo, Ourense e Lugo e que ofrecen asistencia presencial e telefónica as 24 horas do día, os 365 días do ano. Con este novo servizo, Galicia dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres, e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen e necesitan.
A implantación da Historia Clínica Electrónica nas residencias de maiores, que beneficios ofrece?
A Historia Clínica Electrónica facilita unha xestión integral do proceso asistencial para mellorar a saúde e o benestar das persoas que viven nas residencias. A incorporación desta ferramenta enmárcase na modernización tecnolóxica que estamos levando a cabo nos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade. De feito, a implantación das novas tecnoloxías neste ámbito é un dos eixos principais do novo modelo de coidados, xunto coa mellor coordinación entre os eidos sanitario e sociosanitario, a humanización e as melloras estruturais. O seu elevado grao de implantación nas residencias de maiores reflicte os avances que estamos dando e que colocan a Galicia na vangarda nacional na implantación dunha historia clínica electrónica que abrangue tanto o ámbito hospitalario como a atención primaria e as residencias sociosanitarias.
A Historia Clínica Electrónica facilita unha xestión integral do proceso asistencial para mellorar a saúde e o benestar das persoas que viven nas residencias.
Que xestións realiza o goberno galego para a xestión dos migrantes? Hai coordinación co goberno español?
A realidade é que Galicia sempre cumpriu os acordos voluntarios de traslado de migrantes, demostramos con feitos que somos unha comunidade solidaria e demostrámolo ano a ano, traendo a decenas de menores desde Canarias e Ceuta. Pero o certo é que a día de hoxe esas estancias están a ser financiadas maioritariamente polas comunidades autónomas, non polo Goberno, que só achega unha parte dos fondos e só para os primeiros 12 meses de estancia. Consideramos que é hora de que o Goberno central pase a liderar un problema migratorio que afecta ao conxunto de España, e que por agora está a ser afrontado polas comunidades autónomas ante a inacción do Goberno de Sánchez.
Consideramos que é hora de que o Goberno central pase a liderar un problema migratorio que afecta ao conxunto de España.
Que beneficios aporta o goberno galego para as crianzas, a maiores da gratuidade das escolas infantís?
Sen dúbida algunha, unha das principais medidas coas que conta Galicia neste ámbito é a gratuidade das escolas infantís, que nos ten convertido en líderes nesta etapa educativa cunha escolarización do 60,5%, o que nos sitúa 13 puntos máis que a media nacional. Pero non é a única, en Galicia tamén somos pioneiros na posta en marcha dunha ampla rede de casas niño espallada por concellos rurais de toda Galicia e na que se atende de maneira gratuíta a pequenos. Tamén me gustaría facer mención á Tarxeta Benvida, unha axuda de 1.200 euros que reciben os pais durante os primeiro ano de vida do seu bebé e que se multiplica por dous para as familias numerosas e que se estende ata que o neno cumpre catro anos nas familias con menos recursos.
“A gratuidades das escolas permítenos ser líderes en escolarización cun 69,5%, 13 puntos máis que a media nacional”
Ademais, para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cotamos co Bono Concilia, unha axuda fundamental cando os dous proxenitores traballan, xa que está pensada para esas nais e pais que nos períodos non lectivos teñen que asumir un aumento dos gastos familiares en actividades para os seus fillos, co fin de poder compaxinar coidados e traballo. É unha medida de gran demanda, por exemplo na convocatoria de 2024 situámonos por primeira vez por riba dos 15.000 fogares beneficiados con esta axuda, o que supón un 40% máis que o ano anterior.
“Somos pioneiros na posta en marcha dunha ampla rede de casas niño espallada por concellos rurais de toda Galicia”







