A Xunta de Galicia está a executar actuacións de conservación e mantemento en varios ríos do Concello de Cariño. Estes labores son acometidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia. Así, abranguen varios tramos que suman máis de 6,5 quilómetros.
En concreto, actuarase nun tramo de 2,1 quilómetros do río Seixo de Landoi ao seu paso pola parroquia de San Pedro de Feás . Así mesmo, limparase outro treito de case 1,9 quilómetros no río Morela, en Santa María da Pedra. Nesta parroquia tamén se acometerán traballos nun tramo de medio quilómetro nun rego innominado.
A maiores, executaranse actuacións no río Garita, ao longo de 1,2 quilómetros, nas parroquias de Santo Estevo de Sismundi e Santiago de Landoi. Finalmente, traballarase e no río Cariño, en preto de 900 metros, ao seu paso por San Bartolomeu.
DESCRICIÓN DA ACTUACIÓN NOS RÍOS
As tarefas consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como rozas puntuais e selectivas nas zonas de acceso ao dominio público hidráulico e eliminación de especies exóticas invasoras.
Os traballos, que foron comunicados ao municipio, prolongaranse durante arredor de oito semanas. Realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras. Asemade, contarase co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e unha carretilla.
Unha vez finalizadas as obras programadas, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra dos tramos urbanos fluviais de responsabilidade municipal.




