PUBLICIDADE

A Xunta dá luz verde ao proxecto de Biofibras de Galicia nas Pontes

PorBisbarra

Xoves, 29 Maio 2025 ,
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Biofibras de Galicia no Concello das Pontes.A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Biofibras de Galicia no Concello das Pontes.

A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Biofibras de Galicia no Concello das Pontes. Non obstante, está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas nos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto e na propia DIA, coa fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores, estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.

A resolución refírese á iniciativa empresarial para implantar unha fábrica de pasta de papel reciclada, e as súas infraestruturas auxiliares. A fin é producir pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado ou de residuos de papel e cartón. Estará localizada no que era o parque de carbóns da central térmica das Pontes de García Rodríguez. Nela realizaranse dous procesos; a reciclaxe de papel e cartón e a fabricación da pasta de celulosa. Prevese obter unha produción de arredor de 100.000 toneladas ao ano.

A declaración de impacto ambiental do proxecto de Biofibras de Galicia é o resultado de 18 informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer. Tamén se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.

PUBLICIDADE

Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria pasará a asumir de novo o expediente unha vez que estea completado o trámite ambiental. Encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas nos informes sectoriais, na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DE BIOFIBRAS GALICIA

O obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto. Así mesmo, determina as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais. Isto abrangue a execución, explotación e cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.

De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos. Neste senso, a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.

Trátase dun trámite exixente e garantista. Neste sentido, a maioría das DIA favorables inclúen condicionantes xerais e particulares, así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto coa fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.

No caso de Biofibras de Galicia, os distintos departamentos fixan condicionantes para velar pola protección dos espazos naturais existentes na contorna, da flora e da fauna, pola calidade das augas do río Eume, pola saúde pública, pola preservación do patrimonio cultural existente nas proximidades e pola paisaxe, entre outras.

De feito, a DIA establece condicións particulares para o establecemento da fábrica e outras xerais de aplicación a calquera iniciativa deste tipo. Así, relaciónanse coa protección da atmosfera, a poboación e a saúde, o coidado das augas e leitos fluviais, a preservación do solo e das infraestruturas, a xestión de residuos ou a protección do patrimonio natural. Ademais, engádese o programa de vixilancia ambiental do proxecto.

Esta declaración de impacto ambiental favorable, non obstante, non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e funcionamento do proxecto.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.