PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta destina case 19 millóns de euros ao Servizo Galego de apoio á Mobilidade Persoal

PorBisbarra

Luns, 23 Setembro 2024 , ,
Disporase de 59 vehículos con ata 26 prazas para ofrecer servizos programados

O Consello da Xunta autorizou a contratación da prestación do servizo de transporte adaptado do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (SGAMP) para persoas con discapacidade ou en situación de dependencia cun orzamento de 18,6 millóns de euros. Os contratos comezarán en decembro e prolongaranse durante tres anos, con posibilidade de prorrogalos ata sumar un total de cinco exercicios. O valor estimado do servizo ascende a case 31,6 millóns de euros.

O obxectivo é poñer á disposición das persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia, que teñan recoñecida a imposibilidade de utilizar o transporte publico colectivo, un transporte axeitado para facilitarlles a súa mobilidade e favorecer o seu acceso en condicións de igualdade efectiva aos servizos e recursos que faciliten a promoción da súa autonomía persoal, así como a súa participación na contorna habitual.

Trátase dun servizo programado e non urxente, de carácter puntual para desprazamentos como acudir a xestións administrativas, consultas médicas, centros asistenciais e a actividades formativas, educativas ou relacionadas co coidado persoal, terapéutico ou rehabilitador, así como culturais, deportivas ou sociais.  A prestación realizarase entre as 8.00 e as 20.00 horas, de luns a domingo e todos os días do ano.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Para facilitar o servizo, organízase en oito lotes que se corresponden con áreas territoriais que cobren as necesidades básicas dos respectivos habitantes: A Mariña, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.