A Consellería do Medio Rural destinará máis de 5,4 millóns de euros ás axudas directas para os gandeiros galegos, co fin de paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Concretamente, seguiranse compensando as mortes dos animais positivos por esta doenza e, ademais, subvencionaranse os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das explotacións afectadas nos anos 2023 e 2024.
As contías por animal falecido irán dos 400 euros por bovino menor de 4 meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120, o que implica duplicar a contía que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Esta axuda será complementaria coa orde de indemnizacións por morte que xa se pagaron polo falecemento de 410 animais, cun importe de algo máis de 200.000 euros.
Aqueles que se beneficiasen desta última orde de axudas recibirán a diferenza entre os baremos destas achegas concretas para EHE e os importes xa cobrados.
Sobre as achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías que se concederán serán de 20 euros por animal censado na explotación, cun mínimo de 140 euros para as explotacións cun censo inferior a 7 animais e un máximo de 4.000 euros por granxa. Esta axuda pagarase polo total do censo dos bovinos da explotación, e non só polos afectados.
Polo tanto, o Goberno galego disporá de máis de 5,4 millóns de euros para o financiamento destas axudas, dos cales 2,8 millóns se corresponderán coa repartición de fondos comprometida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a EHE e que se fará efectiva coa publicación dun real decreto nesta mesma semana. Cómpre sinalar que a estes fondos hai que sumarlle os 200.000 euros de fondos propios xa pagados como indemnización por bovino morto, o que fai un total superior aos 5,6 millóns de euros en axudas directas relacionadas con esta doenza en Galicia.