A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, acompañados polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitaron o polígono industrial de Anxeriz para anunciar un investimento de máis de 560.000 euros para a mellora da súa rede de distribución eléctrica. Este investimento únese ao realizado, o ano pasado, que contou cunha axuda da Xunta para a renovación das instalacións de alumeado público no polígono de Pedrasalgueira neste mesmo concello.
Coas axudas de mellora da electrificación búscase establecer medidas de reforzo e extensión nos parques que precisan un abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que permitan cubrir con seguridade e calidade das demandas das empresas que albergan e dos futuros proxectos que poidan implantarse.
Con carácter xeral, a intensidade da axuda é dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.
As principais novidades desta convocatoria foron que o prazo de execución é de tres anualidades para ofrecer tempo suficiente que permita realizar todos os trámites e actuacións necesarios e, ademais, abriuse unha liña específica para aqueles proxectos que obtiveron axuda na última edición pero que tiveron que renunciar por falta de tempo para obter autorizacións e para executar as actuacións.