Dous anos despois da súa fundación como Sociedade de Garantía Recíproca, en 1984 Afigal inauguraba unha delegación en Lugo para achegar os seus servizos ao tecido empresarial da provincia co obxectivo de facilitar o seu acceso ao crédito e lograr que ningunha empresa cun proxecto viable quedase sen financiamento por falta de garantías. A Sociedade de Garantía Recíproca (SGR) celebra 40 anos apoiando a pemes, emprendedores e autónomos a provincia de Lugo, unha área que ten un importante peso na actividade da SGR, onde conta actualmente con máis de 3.000 empresas socias.
Nestas catro décadas Afigal avalou máis de 13.000 proxectos empresariais na provincia de Lugo por importe de 376 millóns de euros. E é que se trata dunha entidade financeira que traballa como aliado constante das pemes, sexa cal for o contexto económico xeneral e caracterizouse por manterse á beira do tecido empresarial en momentos tan complicados como a crise de 2008 ou a pandemia de 2020, anos nos que se bateron récords de operacións formalizadas.
Situada no centro histórico da cidade de Lugo, na rúa do Teatro, a delegación de Afigal conta cun equipo de catro profesionais da zona que ofrecen asesoramento financeiro personalizado a pemes e autónomos. Ademais da delegación de Lugo, a Sociedade de Garantía Recíproca ten outras oficinas en Ferrol, Santiago e Carballo e a súa sede na Coruña.