A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou adxudicar a instalación dun ascensor no edificio municipal do local social da asociación veciñal de Mandiá. Este investimento inclúese no Plan Único de Obras e Servizos POS+2021 pola cantidade de 76.648,24 euros. “Por fin, os veciños de Mandiá poderán ter este elevador que fará que o local social sexa totalmente accesible”, afirmou o alcalde, José Manuel Rey Varela.
Esta nova instalación, de baixo consumo e cunhas medidas interiores de 1,10 por 1,40 metros, comunicará a planta baixa co andar superior e instalarase na esquina nordés da edificación.
No andar baixo realizarase unha entrada interior que permitirá acceder ao local existente e ao elevador. No primeiro andar, a saída do ascensor situarase na zona de entrada xa existente, pero será preciso demoler o tabique distribuidor dos aseos.
A obra proxectada é a mínima requirida para a instalación do ascensor. Así, segundo as previsións iniciais e cumprindo o prazo de execución, o elevador estará instalado no prazo de tres meses dende a firma do contrato.