PUBLICIDADE

A Xunta destina máis de 156.000 euros á mellora de camiños rurais en San Sadurniño

A delegada territorial da Xunta en Ferrol e o alcalde de San Sadurniño visitaron os camiños mellorados en Naraío.A delegada territorial da Xunta en Ferrol e o alcalde de San Sadurniño visitaron os camiños mellorados en Naraío.

A Xunta de Galicia destinou algo máis de 156.000 euros nas dúas últimas convocatorias do Plan de mellora de camiños rurais e Plan marco no Concello de San Sadurniño. Así, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, supervisaron esta mañá as obras de pavimentación acometidas en dous camiños rurais na parroquia de Naraío.

Concretamente a responsable autonómica visitou os camiños da Abelleira e Racamonde, na parroquia de Naraío. Alí procedeuse á aplicación dunha capa de rego asfáltico para mellorar o firme grazas a unha axuda de preto de 73.000 euros da convocatoria 2023-2024.


Acometeuse tamén o acondicionamento dos camiños de Pena da Meda, O Couce e O Cando, na parroquia de Igrexafeita; e A Curuxa e Rupiallo, en San Sadurniño. Neste caso realizouse con cargo a unha achega autonómica de 83.237 euros da convocatoria do Plan Marco 2024-2025.

PUBLICIDADE

A delegada territorial lembrou que o obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida e traballo nesta contorna a través do fortalecemento das infraestruturas viarias. Neste sentido, facilítase a accesibilidade, reforza o tecido social, incrementa a capacidade organizativa das áreas rurais e axuda a fixar poboación.

Ademais, a representante autonómica apuntou que estas axudas promoven a implantación e reforzo dos servizos demandados pola poboación e o tránsito de vehículos e maquinaria. Así pois, redunda nunha maior axilidade dos traballos agrarios e no mantemento e bo estado da propia maquinaria.

A Xunta destina este ano máis dun millón de euros a 18 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para actuacións realizadas ao abeiro deste programa da Consellería do Medio Rural.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.