PUBLICIDADE

Oito entidades pereirás beneficiáronse no 2024 do Plan de Acción Comunitaria da Xunta

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe a asociación veciñal, cultural e deportiva Calvelle, unha das oito entidades beneficiarias no municipio.A directora xeral de Administración Local visitou hoxe a asociación veciñal, cultural e deportiva Calvelle, unha das oito entidades beneficiarias no municipio.

Oito entidades do Concello do Pereiro de Aguiar foron beneficiarias o ano pasado da orde de axudas do Plan de Acción Comunitaria da Xunta destinada a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas. Así pois, a directora xeral de Administración Local visitou hoxe a asociación veciñal, cultural e deportiva Calvelle, na que se realizaron melloras ao abeiro desta liña de axudas.

Xunto coa de Calvelle, tamén recibiron apoio para obras nos seus locais sociais e/ou dotación de equipamento as asociacións de veciños de San Bernardo de Tibiás, de Veiga do Loña, de Cachamuíña, da parroquia de Cobas, de Santa María de Lamela e Amigos de Monterrei-Pereiro e de Mirasol, en Vilafermosa

Na provincia de Ourense, estas subvencións chegaron en 2024 a un cento de entidades, cun investimento de case 789.000 euros. No conxunto de Galicia, o orzamento de 3 millóns de euros destinouse a 341 proxectos.

PUBLICIDADE

Durante a visita, a directora xeral puido comprobar as melloras levadas a cabo na accesibilidade do local social da asociación de veciños de Calvelle. Neste sentido dotouse dun itinerario accesible na entrada e creouse un aseo para persoas con mobilidade reducida. Tamén se reparou a cuberta e realizáronse traballos de mellora nas fachadas, nas ventás, nos parámetros interiores, no pavimento e no teito, así como nas instalacións de fontanería, electricidade, calefacción ou saneamento. A asociación tamén foi beneficiaria da liña de axudas para equipamento desta orde.

CONVOCATORIA DE 2025 PARA ENTIDADES

Natalia Prieto lembroulle aos representantes da entidade que ata o 17 de febreiro poden solicitarse as axudas da convocatoria deste ano. Esta edición conta cun investimento de 4 millóns de euros, cun incremento dun millón de euros. O Goberno galego pretende recoñecer así o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Explicou que, como todos os anos, a orde conta con dúas liñas de actuación. A primeira está destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 3,4 millóns. A segunda, destínase para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica, con 600.000 euros de orzamento.

As contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 para a dotación de equipamentos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.