O Comité Antifraude do Concello de Ferrol celebrou a súa primeira reunión. Está presidido polo secretario xeral do Concello e conformado pola secretaria técnica de Fondos Europeos e catro vocais; a viceinterventora, a asesora xurídica, o xefe do negociado do CRI e a xefa de Contratación. Nesta primeira xuntanza tamén estivo presente o tenente alcalde e concelleiro de Fondos Europeos, Javier Díaz Mosquera.
A constitución deste comité recóllese no Plan Antifraude, que foi aprobado en pleno en outubro do 2023. Este plan é un requisito obrigatorio para poder captar fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Ademais, é un elemento central da estratexia para fortalecer a integridade institucional e a loita contra o fraude, a malversación, o dobre financiamento, os conflitos de interese e a corrupción. Non obstante, pese a estar enfocado principalmente na xestión dos fondos europeos, a súa aplicación estenderase ao conxunto dos recursos públicos xestionados polo Concello de Ferrol.
Pola súa parte, o Comité Antifraude está encargado de elaborar a estratexia de loita contra a fraude e asegurar unha correcta aplicación, seguimento, actualización e avaliación do resultado das medidas antifraude.
Nesta reunión realizouse unha primeira autoavaliación e informouse das medidas antifraude levadas a cabo nos proxectos do PRTR financiados pola Unión Europea con fondos NextGeneration-UE. O Concello de Ferrol executou, de momento, tres actuacións financiadas con fondos NextGeneration-UE.
En primeiro lugar, a rehabilitación integral do local sociocultural da asociación veciñal de Serantes (PIREP). En segundo lugar, a modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais do teatro Jofre (AGADIC). Finalmente, o programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio (IGVS). Ademais, está en fase de preparación a contratación para o proxecto básico e de execución refundido de actuacións no Castelo de San Felipe (ITJ).




