Cobre San Rafael ten o obxectivo de ser un referente industrial galego, reiterando o seu compromiso coa transparencia e o rigor científico na súa iniciativa para producir cobre sostible en Touro – O Pino. Para iso, desenvolverá as súas operacións coa última tecnoloxía e máxima esixencia ambiental, eliminando calquera afección á contorna.
Entre outras moitas variables, o proxecto asegura unha excelente calidade do aire para os seus veciños: o Estudo de Impacto Ambiental presenta unha análise exhaustiva das futuras emisións de partículas PM10 e PM2,5, seguindo metodoloxías científicas validadas e tomando como referencia as normativas nacionais e internacionais. Segundo o estudo da consultora especializada METEOSIM, o Proxecto nunca superará os valores límite de emisións legais en ningunha das súas fases, nin no seu perímetro, nin fóra do seu ámbito de influencia.
Ademais, nas súas manifestacións públicas, as organizacións contrarias ao proxecto inducen ao público ao erro, comparando elementos que non son cientificamente comparables, como son as fontes industriais do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes-PRTR (chemineas e focos fixos de combustión); fronte ás fontes relevantes para o estudo do novo proxecto (fundamentalmente maquinaria en movemento, non hai chemineas).
En calquera caso, Cobre San Rafael deseñou o Proxecto non só para garantir o cumprimento estrito da normativa ambiental, senón para ir máis aló, empregando as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) do sector. O Plan de Vixilancia Ambiental proposto inclúe un conxunto de medidas preventivas, correctoras e compensatorias destinadas a controlar e neutralizar o impacto potencial das súas operacións.
No relativo ao control do po en suspensión, comezan polo sistema de rega e humidificación en todas as fases do proceso, complementado con novas tecnoloxías de prognóstico meteorolóxico e control de calidade do aire en continuo, con estación meteorolóxica propia. Isto conforma un sistema de aviso temperán que activa medidas inmediatas, como a parada temporal de calquera proceso con potencial de afectar á calidade do aire.
Estes protocolos xa están implementados e probados con excelentes resultados na mina onubense de Riotinto, unha instalación industrial de maior extensión, nun clima moito máis seco. Así o avala un estudo, realizado durante máis de 10 anos, dirixido polo catedrático da Universidade de Huelva e responsable da Unidade Asociada de Contaminación do CSIC-Universidade de Huelva, Jesús de la Rosa. Na presentación dos resultados, de la Rosa demostraba que “a calidade do aire en Nerva é óptima” obtendo “uns resultados moi similares aos medidores que temos instalados na contorna de Doñana”.
En canto ás dúbidas expresadas por ADEGA sobre a xeración de drenaxes acedas, Cobre San Rafael presentou un innovador sistema de xestión de estériles baseado na encapsulación progresiva de materiais con potencial acidoxénico e a aplicación de tecnoloxías de neutralización, o que asegura a estabilidade xeoquímica do depósito e evita calquera risco para as augas superficiais e subterráneas. Este enfoque foi validado por experiencias previas noutros proxectos europeos de minería sostible.
Así, tanto as escombreiras de estériles de mina, PÁX e NAG, como o depósito de estériles de planta, contan coas medidas necesarias de illamento e recolección de augas, que garanten que non van afectar ao medio exterior nin ás augas, tanto en fase operativa, como post clausura.
Desta maneira, ao final dos anos de operación, a diferenza do que ocorreu no peche anterior hai case 40 anos, o Plan de Restauración e Clausura de Cobre San Rafael encapsulará os estériles e establecerá as infraestruturas necesarias para evitar indefinidamente a afección ao medio; posteriormente naturalizará os espazos abrindo un diálogo coa sociedade en busca das mellores alternativas de uso para xerar máis valor na comarca. Hai que destacar que este Plan de Restauración, executarase, en calquera caso, xa que desde o día que arrinquen as operacións, a Administración contará con garantías financeiras para poñelo en práctica subsidiariamente se fixese falta.
Cobre San Rafael quere subliñar o seu total compromiso coa construción do mellor proxecto industrial de Europa para iso convida a manter un diálogo construtivo e aberto baseado na evidencia e en que os datos sexan correctamente contrastados. Tamén desexa lembrar que, nesta fase, é fundamental analizar a información con obxectividade e responsabilidade, para o que pon ao dispor de expertos e da sociedade en xeral os estudos técnicos e científicos que avalan o proxecto.



