A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) presentou diferentes actividades programadas para o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, coincidindo coa saída da primeira publicación monolingüe en galego no ano 1876
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de presentar o programa de actividades que servirán para conmemorar, o vindeiro 7 de febreiro, o Día dos Medios en Galego. Unha data que coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego: O Tío Marcos d’a Portela, editada por Valentín Carvajal no ano 1876.
Nesta edición, AMEGA pon o foco na función social que teñen os medios de comunicación en galego, empregando o lema A Lingua que nos une, segundo explicaron durante a presentación o presidente da asociación, Pablo García, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información” (Pablo García, presidente de AMEGA)
O Playa Club da Coruña será o escenario do acto principal para conmemorar o VIII Día dos Medios en Galego, cun concerto de Leira e A Banda da Loba, a partir das 21:30 horas, e para o que xa se poden adquirir as entradas por 7 euros en entradium.com. Trátase da actuación de dúas formacións que conxugan os valores e esencia deste Día dos Medios en Galego, indicaron durante a presentación.
“Un evento que ademais de xuntar aos medios en galego, tamén reúne outra parte moi importante da comunicación como son os receptores e receptoras”, indicou Valentín García que puxo en valor a existencia na comunidade de máis de 140 medios que fan uso do galego. “Unha cifra que hai anos nos parecería incrible e que nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis”, incidiu o secretario xeral.
Pola súa banda, Andrea Porto da Banda da Loba, e Helena Barreiro e Andrea López de Leria, mostraron o seu agradecemento por contar con elas para este concerto, porque “parécenos moi importante que se fagan este tipo de iniciativas que permitan dar máis visibilidade á nosa lingua”, aseguraron durante a presentación.
Outra das iniciativas que presentou AMEGA co gallo do Día dos Medios en Galego é a elaboración de 100 medidas para mellorar a situación da lingua. Unha actividade coa que se habilitará a páxina web medidas.gal e a través da cal se convidará á cidadanía a facer as súas aportacións.
“O Día dos Medios en Galego non é só unha conmemoración, é ademais unha reivindicación do papel fundamental que os medios de comunicación teñen no avance da nosa sociedade, no fortalecemento da nosa democracia e como garantes de dereitos e liberdade”, destacou Pablo García en referencia á iniciativa das 100 medidas para mellorar a situación do galego.









