O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuníronse coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres. O obxectivo do encontro era avanzar na colaboración entre as administracións local e autonómica. Nese senso, abordáronse ferramentas como os obradoiros de emprego e as posibilidades que ofrece este municipio para as persoas emprendedoras.
No primeiro caso, cabe destacar o apoio do Goberno galego ao obradoiro dual Agrupación Carbosam 2024, compartido entre os concellos de Boborás, O Carballiño e Maside. Neste sentido, recibiu unha axuda de case 430.000 euros no marco da convocatoria deste ano. Así, unha vintena de persoas participantes recibirán formación durante nove meses. Ao mesmo tempo, desempeñarán un traballo remunerado centrado en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización ou de albanelería de fábricas e cubertas.
A maiores, concedeuse aos Concellos de Boborás, O Carballiño e Maside o obradoiro de emprego Carbosam 2024-2025. Cunha axuda autonómica próxima aos 439.000 euros, está dirixida a menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil Xóvenes Agrupación. Neste caso, está centrado en traballos de carpintería e moble ou actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Así pois, facilitará a formación e empregabilidade de 16 persoas e mellorará as infraestruturas e servizos locais.
Na xuntanza tamén se abarcou o programa Aprol Rural que permitiu a contratación de tres persoas grazas a unha achega autonómica superior aos 54.000 euros. Estas contratacións céntranse en tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias. En concreto, na realización de traballos de planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.
COMPROMISO CO EMPRENDEMENTO
No encontro tratáronse outras vías de colaboración entre Xunta e Concello, como a aposta pola creación de actividade económica a través do traballo por conta propia.
Neste ámbito, os representantes autonómicos destacaron o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, que atende tamén a Boborás. Así, leva asesorado 160 proxectos, un 11% deles que buscan remuda para o seu mantemento. Cun 57% de mulleres á fronte, destacan a nivel global as iniciativas relacionadas coa hostalaría, seguidas do comercio e das actividades profesionais, científicas e técnicas. A Rede de Polos rolda os 500 proxectos titorizados na provincia de Ourense e supera os 2.500 en toda Galicia.
Tamén se mencionou no encontro o proxecto pioneiro de coliving que está a impulsar a Xunta en tres espazos do rural. A través de estadías temporais, buscan que nómades dixitais ou traballadores en remoto avoguen pola Galicia non urbana para establecerse e dar un xiro ás súas traxectorias profesionais.