A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participou na xornada informativa “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, no Concello das Pontes. Celebrada nas instalacións da Asociación de Empresarios SEARA, no polígono industrial de Penapurreira, contou coa presenza do alcalde pontés e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Alí, Toca presentou ás empresas da comarca o conxunto de apoios que a Xunta de Galicia ten en marcha para este ano.
Durante a súa intervención, explicou que o Igape ten activadas para 2026 a maior parte das súas liñas de apoio, cun “paquete histórico” de máis de 280 millóns de euros. Está orientado a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento. Subliñou que se trata dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, marcado pola transformación dixital, a transición tecnolóxica e a competencia global.
No eido da innovación, a directora do Igape destacou a posta en marcha de novos instrumentos específicos para impulsar a transformación tecnolóxica da industria, así como a continuidade de programas consolidados de apoio á aplicación da intelixencia artificial, á mellora de procesos e á incorporación da innovación nas pemes. En paralelo, lembrou que a internacionalización segue a ser un piar clave da acción do organismo, con liñas que apoian a saída ao exterior, a promoción internacional e a participación en feiras e misións comerciais.
Toca puxo tamén o foco no papel do financiamento público como ferramenta para acompañar o crecemento empresarial, a través de préstamos, liñas de crédito e instrumentos financeiros adaptados ás distintas fases do ciclo de vida das empresas, desde a creación ata a expansión.
FONDO DE TRANSICIÓN XUSTA
No marco da xornada, a directora do Igape salientou de maneira específica as dúas novas liñas de axuda vinculadas ao Fondo de Transición Xusta, recentemente publicadas e que se suman a este amplo paquete de apoios. Neste sentido, destínanse máis de 100 millóns de euros a dous programas dirixidos a impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.
Así, por unha banda, destacou a apertura da liña de 80 millóns de euros destinada a apoiar grandes proxectos industriais de descarbonización e renovación produtiva, con capacidade tractora para transformar o tecido económico, modernizar procesos e xerar actividade sostible a medio e longo prazo. Por outra banda, informou da nova convocatoria de préstamos parcialmente reembolsables para pemes, dotada con 22 millóns de euros, dirixida ás empresas da provincia da Coruña.
Ambas convocatorias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, contan cun prazo de solicitude de tres meses, co obxectivo de facilitar o acceso das empresas aos apoios e ao financiamento previsto.
A directora do Igape concluíu sinalando que estas xornadas informativas permiten achegar as políticas públicas ás empresas, resolver dúbidas e orientar os proxectos empresariais cara aos instrumentos máis axeitados, “especialmente en comarcas como As Pontes, chamadas a xogar un papel protagonista na nova etapa industrial de Galicia”.




