PUBLICIDADE

Fene mellora e dixitaliza a rede de abastecemento

PorBisbarra

Xoves, 12 Febreiro 2026 ,
Os traballos no abastecemento de Fene supuxeron un investimento de 47.835,90 euros cargo ás axudas de Augas de Galiza con fondos NextGenerationEU.Os traballos no abastecemento de Fene supuxeron un investimento de 47.835,90 euros cargo ás axudas de Augas de Galiza con fondos NextGenerationEU.

O Concello de Fene rematou os traballos incluídos no proxecto de mellora e equipamento da rede municipal de abastecemento. Esta actuación, adxudicada por 47.835,90 euros, está orientada a mellorar a eficiencia do sistema e reducir as perdas de auga.

Os traballos executados centráronse na mellora de tres instalacións estratéxicas da rede municipal, incorporando sistemas de control e dixitalización para o seguimento continuo e en tempo real do funcionamento do servizo.

No bombeo de Lameiro levouse a cabo a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe, unha actuación que permite rexistrar con precisión os caudais e mellorar o control sobre o funcionamento desta instalación. No bombeo e depósito do Catalán realizouse tamén a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe co mesmo obxectivo, contribuíndo a unha xestión máis eficiente da auga distribuída desde este punto da rede.

PUBLICIDADE

Pola súa banda, no depósito de Vilar do Colo instalouse un sistema remoto de control que permite coñecer en tempo real o nivel dos depósitos, así como parámetros clave como o cloro, o pH e a temperatura da auga. Ademais, este sistema incorpora a xestión de avisos e o control automático de niveis, mellorando a capacidade de resposta ante posibles incidencias.

Todas estas instalacións quedaron integradas nun sistema de telecontrol tipo Scada, que centraliza a información obtida e facilita a análise dos datos recompilados. Así, permite unha resposta máis rápida ante incidencias e unha xestión máis eficiente, moderna e sostible do recurso hídrico municipal.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta actuación supón un paso importante na modernización da rede de abastecemento, permitindo anticiparnos a problemas, reducir perdas de auga e mellorar un servizo básico esencial para a veciñanza”. A rexedora subliñou tamén que “apostar pola dixitalización e pola eficiencia é clave nun contexto no que a xestión responsable da auga é cada vez máis necesaria”.

Pola súa banda, o concelleiro de urbanismo, Manuel Polo, explicou que “con estes sistemas de control e seguimento en tempo real mellórase de maneira significativa a capacidade de xestión da rede municipal, facilitando a detección temperá de anomalías e optimizando o funcionamento das instalacións”. Engadiu ademais que “son investimentos técnicos, pouco visibles, pero fundamentais para garantir un servizo fiable e duradeiro”.

Desde o Concello de Fene sinalan que este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia máis ampla para avanzar na modernización das infraestruturas hidráulicas municipais, mellorando a eficiencia e garantindo un uso máis sostible da auga. Uns traballos que foron realizados con cargo ás axudas de Augas de Galiza con fondos NextGenerationEU.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.