PUBLICIDADE

Ribadavia e ABANCA apoian aos comerciantes e artesáns do programa Vilas Vivas

PorBisbarra

Xoves, 12 Febreiro 2026 , , ,
O alcalde de Ribadavia e o director territorial de ABANCA en Ourense asinaron o convenio.O alcalde de Ribadavia e o director territorial de ABANCA en Ourense asinaron o convenio.

O Concello de Ribadavia asinou un acordo de colaboración con ABANCA para axudar aos negocios locais. Máis en concreto, permitirá poñer á disposición dos comerciantes e artesáns adheridos ao programa Vilas Vivas unha serie de produtos e servizos financeiros pensados e adaptados ás súas necesidades.

O convenio foi asinado polo alcalde, César Fernández, e o director territorial de ABANCA en Ourense, José María Jardón. Durante o acto, Fernández destacou que “supón un apoio fundamental para o impulso do comercio de proximidade do noso casco histórico, que xa estabamos a facer grazas a iniciativas coma a do Vilas Vivas. Agora, grazas a este financiamento, os nosos comerciantes e artesáns poderán mellorar a súa competitividade e garantir un comercio vivo e atractivo para residentes e visitantes”.

Precisamente, o proxecto Vilas Vivas, impulsado pola Xunta de Galicia, busca recuperar e dinamizar o comercio local en vilas históricas. En Ribadavia, estreouse durante este último Nadal coa apertura do mercado de artesanía e produtos locais Saber e Sabor, que combinou compras con actividades culturais e gastronómicas, fomentando a atracción de visitantes ao casco histórico.

PUBLICIDADE

O acordo inclúe liñas de financiamento e produtos adaptados aos negocios locais, como préstamos persoais, leasing mobiliario, pólizas de crédito, liñas de desconto, avais ou confirming. Tamén se lles facilita o acceso a servizos dixitais, como a banca electrónica ou o servizo Appúntame, así como a contratación de TPVs físicos e virtuais. Ademais, poderán beneficiarse do Programa Servizos ABANCA, deseñado para autónomos e microPEMEs, que permite aforrar nos servizos bancarios máis habituais.

Pola súa banda, José María Jardón asegura que ABANCA ofrecerá solucións financeiras completas para o día a día dos comerciantes e artesáns. “Trátase dun acordo deseñado por diferentes equipos da entidade co obxectivo de impulsar a competitividade do comercio local, que é clave para o desenvolvemento económico de Ribadavia”.

A firma deste acordo reforza o compromiso do Concello de Ribadavia a prol da recuperación da vida na vila. Máis en concreto do seu casco histórico por medio do impulso ao comercio de proximidade, fundamental para a economía local e para manter o dinamismo no municipio e a comarca. Asemade, refórzase a capacidade da vila de atraer visitantes grazas ao seu patrimonio, gastronomía e oferta cultural.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.