O secretario xeral de Asime (Asociación de Industrias do Metal e Tecnolóxicas Asociadas de Galicia), Enrique Mallón, visitou o pasado mércores as instalacións da empresa Citic Censa no Porriño. Nesta ocasión acudiu acompañado de representantes de Cobre San Rafael, compañía interesada na maquinaria específica de Citic, con alta especialización en muíños para minería que exportan a todo o mundo.
Enrique Mallón aproveitou a ocasión para destacar a importancia da industria mineira no marco do sector do metal e as súas tecnoloxías asociadas. “A minería debe ser unha actividade estratéxica para España, de feito, así o estableceu a propia Unión Europea no seu plan RepowerEU. Urxe dotarnos dunha industria máis forte e conectada cos recursos naturais que temos, porque Galicia non pode seguir exportando valor sen retorno social”, inicidiu o secretario xeral de Asime.
Ademais, Mallón destacou a necesidade de “axilizar de forma efectiva os procesos burocráticos, que moitas veces supoñen un freo á implantación de proxectos estratéxicos no territorio” e destacou a colaboración entre empresas de diferentes tamaños e a aposta por unha reindustrialización baseada en datos, transparente e comprometida co territorio.
Fai falta un relato común que explique á sociedade o impacto real e positivo da industria” (Enrique Mallón, secretario xeral de Asime)
Pola súa banda, Fernando Riopa, director xeral de Cobre San Rafael, subliñou que “o proxecto da mina de Touro parte dunha posición privilexiada, ao situarse nunha contorna con infraestruturas consolidadas, capital humano altamente cualificado e un sólido ecosistema empresarial e industrial. Todo iso xerará importantes sinerxias e permitirá que o valor engadido da produción de metais permaneza no territorio”.
Riopa agradeceu, así mesmo, a apertura de oportunidades que promove Asime a través da conexión entre as súas empresas asociadas. Neste sentido, resaltou o interese que supuxo coñecer de primeira man outras liñas de negocio de Citic Censa vencelladas á robótica e ás enerxías limpas, “ámbitos estratéxicos que encaixan coa visión do seu novo proxecto de minería sostible”, engadiu.




