O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron o edificio administrativo autonómico en Ferrol. Alí comprobaron o avance das obras de ampliación levadas a cabo por máis de 680.000 euros. A este importe sumaranse outros máis de 208.100 euros para outra actuación pendente de licitar. O obxectivo é reformar e acondicionar un local baleiro, integrado nas oficinas situadas na entreplanta do edificio, contigua ao andar primeiro do edificio sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.
Xunto con estes traballos, neste inmoble tamén se executaron obras de eficiencia enerxética por máis de 826.000 euros. Así pois, o investimento total da Xunta neste edificio nos últimos anos supera os 1,7 millóns de euros.
As obras de remodelación xa executadas permitiron a redistribución de espazos nos andares primeiro e sétimo do edificio. Así, a sétima planta alberga a sede da Delegación Territorial da Xunta na cidade ferrolá, e os organismos alí situados trasladáronse á nova superficie ampliada na primeira planta, onde se anexan os espazos correspondentes aos locais da entreplanta da nova estrutura cunha conexión entre ambos os edificios. Na zona anexionada instaláronse os servizos do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Agora, coa nova actuación pendente de licitar, o local a acondicionar conectarase coa entreplanta sen intervir nos espazos xa acondicionados. Así, integrarase no distribuidor que percorre toda a superficie desde a conexión co edificio administrativo, e que dá acceso aos despachos, zonas de traballo e servizos. A actuación aproveitará o distribuidor principal actual como acceso aos novos despachos, previstos para unha ducia de traballadores, que ocuparán o espazo do local actualmente sen uso.
Deste xeito, executaranse as instalacións necesarias en materia de electricidade, telecomunicacións, iluminación, climatización, ventilación e protección contra incendios. Neste sentido, garantirase o correcto desenvolvemento da actividade e o cumprimento da normativa vixente.
Ás actuacións relacionadas coa ampliación de espazos, tanto as executadas como as previstas, súmanse outras obras de mellora de eficiencia enerxética xa realizadas. Cun investimento de 826.000 euros, posibilitan un aforro económico e enerxético, ao reducir a emisión anual de dióxido de carbono.




