PUBLICIDADE

San Sadurniño acomete as últimas obras viarias financiadas polo POS+ 2025

PorBisbarra

Luns, 19 Xaneiro 2026 , , ,
Escavadora traballando na pista A Fraguela-As Costeiras, en Igrexafeita, San Sadurniño. Foto: César Galdo.Escavadora traballando na pista A Fraguela-As Costeiras, en Igrexafeita, San Sadurniño. Foto: César Galdo.

O Concello de San Sadurniño está a executar tres proxectos de reparación viaria en seis pistas das parroquias de Igrexafeita, Naraío e Ferreira. As actuacións inclúen a limpeza de cunetas, a reparación de imperfeccións superficiais e a aplicación dunha nova capa de asfalto. En total afectan a 5,8 quilómetros de trazado e supoñen un investimento de máis de 171.000 euros.

As obras están financiadas con cargo ao Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña. A este programa provincial sumaráselle ademais un último paquete viario, que se desenvolverá en Santa Mariña do Monte e Ferreira, actualmente en fase de licitación.

Segundo os pregos técnicos, os traballos dos tres proxectos en execución céntranse no reasfaltado de camiños que presentan desgaste ou danos en parte do seu percorrido. Ademais, aprovéitase para dar un ancho regular ás pistas nos puntos onde sexa posible, xa que actualmente presentan medidas variables que oscilan entre os 3,5 e os 4,5 metros.

PUBLICIDADE

O procedemento de reparación é practicamente idéntico en todos os casos. Primeiro realízase a limpeza das cunetas e o varrido do firme. Despois arránxanse baches mediante unha mestura de grava e piche. Por último, esténdese dunha nova capa de rodadura alternando regas asfálticas con saburra. Nalgúns tramos tamén se intervirá para entubar escorrentías.

DESCRICIÓNS DOS PROXECTOS EN SAN SADURNIÑO

As obras comezaron hai uns días coa limpeza das cunetas da actuación prevista en Igrexafeita, onde se pavimentarán de novo os camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata As Costeiras. Trátase de dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao sur da AG-64. Entre ambas suman 1,7 quilómetros de lonxitude e dan servizo a unha ducia de vivendas. O investimento final acada os 48.037 euros, 2.000 por debaixo do orzamento en que se licitaron as obras.

No caso de Naraío están previstas dúas intervencións financiadas tamén polo Plan Adicional 02/2025. A primeira, cunha lonxitude total de 1.665 metros, abrangue un entramado de camiños que estruturan A Ferraría, Pielas, O Batán, O Muíño e A Cernada. Trátase dunha rede viaria que dá acceso a preto dunha trintena de vivendas. Dentro deste mesmo proxecto inclúese tamén o asfaltado do camiño que vai desde Quintiá ata o límite co Concello da Capela, na pista que leva a Formariz. As obras, cun orzamento inicial de 70.486,08 euros, foron finalmente adxudicadas por 66.550 euros.

O terceiro proxecto que se vai executar de maneira inminente con cargo ao segundo plan adicional do POS+ 2025 é o da pista de Cadavás, de 900 metros, e o do camiño que comunica Os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, cunha lonxitude de 1,5 quilómetros. A estes engádense outros 100 metros nos accesos ás vivendas do núcleo de Piñeiros. O orzamento conxunto destas actuacións aproximábase aos 60.000 euros e a adxudicación definitiva foi de 56.507 euros.

Estes proxectos aprobáronse en pleno a comezos de 2025 como previsión, á espera de que a Deputación da Coruña consignase os fondos necesarios. Unha vez confirmada a achega de 209.000 euros do Plan Adicional 02 a mediados de ano, o Concello de San Sadurniño preparou un cuarto proxecto valorado en algo máis de 34.550 euros para completar o importe total da subvención. As reparacións viarias executaranse, neste caso, en Santa Mariña e en Ferreira.

En Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira, cun total de 510 metros, e nun segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, os labores centraranse en dous tramos da pista que baixa desde A Leiriña ata Moeche: o comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras ata o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto estes tramos como os de Santa Mariña presentan un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado puntualmente en cruzamentos e accesos.

Este último proxecto encóntrase actualmente en fase de licitación como contrato menor, coa previsión de que a súa adxudicación se produza nos próximos días. En conxunto abrangue 1,2 quilómetros de reparacións, de modo que, unha vez completado, o Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña permitirá reparar arredor de 7 quilómetros da rede viaria de San Sadurniño.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.