A Xunta mobilizou en Ferrolterra o pasado ano case 155.000 euros para impulsar tres actuacións ao abeiro do programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Neda, Ángel Alvariño, visitaron esta mañá no municipio a unha das beneficiarias destas axudas.
Neste caso, a achega, destinada á substitución da cuberta dunha vivenda unifamiliar, ascendeu a máis de 10.000 euros para un proxecto valorado en 22.300 euros.
Na visita tamén participou a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire. Alí, a delegada territorial da Xunta puxo en valor este programa que ten aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano ata o 27 de febreiro. Indicou que conta cun orzamento de 800.000 de euros e que está destinada ás comunidades de propietarios e ás agrupacións de comunidades, ás agrupacións de propietarios e ás persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
Lembrou ademais que é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional.
A contía das axudas chega ata o 75% do importe subvencionable da actuación. O importe máximo poderá acadar os 12.000 euros por vivenda rehabilitada e 30.000 euros no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.




