A Xunta de Galicia investiu case 213.000 euros na agrupación de voluntarios de Protección Civil de Baños de Molgas. Neste sentido, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou este municipio xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. O obxectivo era coñecer as súas demandas e comprobar o apoio recibido por parte da Xunta nos últimos anos.
Destes case 213.000 euros, máis de 41.400 euros se corresponden con gastos de funcionamento. Os 171.500 euros restantes destinouse á dotación do material necesario para as súas intervencións. Entre o equipamento cedido nos últimos anos destacan unha carpa, remolques, vehículos pick up ou unha coitela quitaneves e un esparexedor de sal para actuar en caso de nevaradas, xa que se trata dun municipio incluído no Plan de Protección Civil ante o risco de nevaradas en Galicia (Plan Nega).
Santiago Villanueva destacou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos galegos. Nesta liña, nos últimos anos destinou 18 millóns de euros en apoio ás 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia, integradas por máis de 4.000 persoas. Desta cifra, 14 millóns van dirixidos a reforzar o equipamento destes colectivos e os 4 millóns restantes para colaborar nos custos de funcionamento.
No caso da agrupación de Baños de Molgas, incidiu no seu importante traballo na atención ás incidencias rexistradas no concello e no control do aforo en eventos como a tradicional romaría dos Milagres no verán, ou de xeito máis inmediato, as celebracións deste Entroido.



