O Concello de Ferrol inaugura o centro cívico de Serantes tras as obras de rehabilitación integral levadas a cabo no edificio. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o presidente da asociación veciñal de Serantes, Luis Casas; entre outras autoridades, acudiron á inauguración.
Os traballos supuxeron un investimento de 748.081,19 euros. Destes, 450.000 euros proceden dos fondos europeos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Neste sentido, actuouse nunha superficie total construída de 346 metros cadrados.
REHABILITACIÓN NO CENTRO CÍVICO DE SERANTES
Entre as principais intervencións destacan a reestruturación integral do interior do local. Renováronse completamente os espazos interiores respectando a estrutura orixinal. Agora o edificio conta cun amplo salón de actos, oficinas, biblioteca e salas polivalentes.
Así mesmo, realizáronse melloras na accesibilidade. Para garantir que o edificio sexa inclusivo, instaláronse ramplas e aseos adaptados. Ademais, modernizáronse as infraestruturas eléctricas, de fontanería e climatización, incorporando sistemas eficientes e sostibles, como bombas de calor e un sistema de iluminación LED.
A maiores, agora os espazos contan con revestimentos adecuados aos tempos actuais e duradeiros, mellorando a estética e a funcionalidade do edificio. Tamén se actuou no illamento térmico e acústico, reforzando a envolvente do edificio con materiais que reducen o consumo enerxético e melloran as condicións acústicas.
O proxecto executado incluíu a construción dun novo volume independente destinado a albergar unha cafetería.