
Alfonso Rueda Valenzuela nado en 1968 é licenciado en Dereito pola USC, secretario en varios concellos galegos, e tamén Director Xeral de Administración local de Galicia, entre outros cargos. No 2009 ocupou a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no ano 2012 converteuse en vicepresidente da Xunta de Galicia. Unha década despois, no 2022 coa marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid, ocupou a presidencia da Xunta de Galicia, e no 2024 gañou as eleccións autonómicas cun 47,41% dos votos das galegas e galegos. A menos dun mes para cumprirse 365 días ao fronte do Goberno galego, séntase con Bisbarra para falar das iniciativas e proxectos que se están desenvolvendo dende a Xunta como as escolas infantís, a casas dos maiores, sobre a industria ou sobre todos os temas que afectan dun xeito ou outro aos galegos e ás galegas.
– A piques de cumprirse un ano de goberno, que valoración fai dos 365 días como presidente de Galicia?
– Que Galicia segue funcionando cada dia, máis e mellor. A renovación deste Goberno o febreiro pasado permitiu seguir cos proxectos que fan que a nosa comunidade avance: en materia de vivenda, de educación, de sanidade, de emprego, de enerxía, de comercio co exterior… Penso que estamos a corresponder á confianza que os galegos depositaron unha vez máis en nós con traballo duro e unha xestión eficaz, e así espero que siga sendo o resto do mandato.
– A Xunta de Galicia axuda ás familias con membros con dependencia con ata 5.000 euros, que acollida está tendo esta medida?
– Creo que o Bono coidado no fogar foi un grande acerto. É unha medida pioneira que está tendo moi boa acollida entre todos os atendidos, que xa suman máis de 20.000. Estamos facilitándolles que poidan permanecer na súa contorna ao coidado dun familiar, veciño ou profesional, e que as persoas maiores poidan vivir esa etapa da súa vida no lugar que desexen; e iso nolo agradecen moito. De feito, para poder atender a toda a xente que nolo pide, este ano reforzaremos esta medida, destinando un total de 126,7M€, un 31% máis que o ano pasado. Penso que foi unha decisión moi acertada.
A vivenda é unha das cuestións máis importantes para o conxunto dos cidadáns“
– Cales son os beneficios do Plan de Vivenda da Xunta de Galicia?
– A vivenda é unha das cuestións máis importantes para o conxunto dos cidadáns, e os gobernos debemos estar á altura do que esixen as circunstancias. Nós temos un compromiso claro: duplicar o parque público de vivenda e pasar de 4.000 a 8.000 nesta lexislatura. O Pacto de Vivenda de Galicia contén medidas que van nesa dirección: facilitar o acceso á vivenda e a mellora das xa existentes a través de axudas de rehabilitación.
Por poñer un exemplo das súas vantaxes, ao abeiro dese Pacto estamos traballando no desenvolvemento de solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres. Nestes 9 meses xa temos en marcha 1.700 novas vivendas de promoción pública. En Galicia queremos tomarnos moi en serio un problema tan importante para todos.

– As Escolas Infantís son gratis en Galicia, unha medida pioneira no Estado, incrementáronse as familias que poden utilizar este servizo?
– Este xa é o terceiro curso no que se aplica a gratuidade en todas as escolas infantís de Galicia, unha medida coa que axudamos a máis de 32.000 familias galegas. Somos a única comunidade autónoma que ofrece oito horas de atención educativa gratuíta durante once meses ao ano. E, certamente, o número de familias que poden enviar aos seus fillos a unha escola infantil incrementase ano a ano. Así que cada ano podemos axudar a máis persoas coa nosa inversión.
Este xa é o terceiro curso no que se aplica a gratuidade en todas as escolas infantís de Galicia“
– Cal é o funcionamento das Casas do Maior? Está en previsión que se creen máis na nosa comunidade?
– As Casas do Maior son un servicio que ofrece o Goberno galego de maneira totalmente gratuíta de atención diúrna. Impulsámolas en 2018 e agora xa suman máis de 140. Son fundamentais para garantir a mellor atención e coidado ás persoas maiores por todos os recunchos de Galicia, e supuxeron a garantía de que os galegos que así o desexen poidan seguir vivindo nas súas casas, nos seus lugares de sempre, ao tempo que están ben atendidos. A previsión é crear 20 novas casas este ano, e estamos traballando para conseguilo o antes posible.
– En materia de igualdade, que accións puxo en marcha a Xunta de Galicia durante estes últimos anos?
– O compromiso pleno do Goberno galego no obxectivo da igualdade está demostrado con feitos. Por exemplo, que somos referentes a nivel lexislativo e en programas e de recursos para apoiar ás vítimas de violencia de xénero e a súa contorna familiar. Non é sinxelo resumir todo o acadado mais, por exemplo, desde o ano pasado está en vigor a nova Lei de Igualdade que busca adaptarse á nova realidade social; temos en marcha liñas de actuación para o apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade; só desde Igualdade, entre 2012 e 2024 apoiamos 2.076 proxectos de emprendemento feminino, xerando 2.210 postos de traballo. Neste 2025 seguiremos impulsando medidas de sensibilización e prevención e, entre moitos proxectos, a Lei de violencia dixital de Galicia.
A previsión é crear 20 novas casas do maior este ano, e estamos traballando para conseguilo o antes posible“
– Cando se vai materializar o traspaso das competencias do litoral a Galicia?
– Pois en canto o Goberno central cumpra o acordo que temos. Agardamos que cumpran co compromiso asumido de concretar no menor tempo posible o detalle do persoal, dos edificios e dos expedientes que recibirá a Comunidade. E este será xa, por fin, o último paso para materializar o traspaso destas competencias. É un asunto prioritario para o noso Goberno, porque sabemos a relevancia que ten, e imos seguir insistindo ata que se cumpra o prometido.
– Que proxectos ten a Xunta de Galicia para promover o emprego na nosa comunidade?
– Os resultados cos que cerramos 2024 en materia de emprego foron moi bos: o paro en mínimos históricos e unha redución do desemprego nos colectivos prioritarios. E, para seguir afianzando esta tendencia, temos que seguir reforzando o noso Servizo Público de Emprego e axustando a oferta formativa ás necesidades, con medidas como os Bonos Talento Empresa. E seguimos dando pulo aos incentivos á contratación, como co Programa Galicia Emprega, ou favorecendo o emprendemento.
Hai moitas frontes nos que dar a batalla, pero mantendo esta liña de traballo imos polo bo camiño para conseguir a obxectivo clave: que todos os galegos teñan un emprego co que poder desenvolver a súa vida como queren.
– Hai unhas declaracións súas en campaña electoral nas que que di “Ferrol necesita un trato xusto; existe para nós moito máis alá das campañas electorais”, como está tratando a Xunta a Ferrol neste último ano?
– Díxeno e sígoo pensándoo: o fácil é dicir calquera cousa en campaña e logo non facela. Pero nós cumprimos o que prometemos. E a Ferrol estáselle tratando coa dedicación e a atención que merece.
Agora mesmo seguimos avanzando en moitos proxectos clave, como o das obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, no incremento do parque residencial na cidade ou en iniciativas como ‘Abrir Ferrol ao Mar’. Son só algúns, pero penso que falan claramente da nosa firme aposta por investir nun sitio tan importante como é Ferrol e a súa comarca.
– Que valoración fai do goberno de Goretti Sanmartín na capital galega? Vostede aplicaría unha taxa turística en Santiago? É Verea a persoa idónea para gobernar Compostela?
– A implantación da taxa turística é unha medida excepcional, solicitada polo Concello e que será xestionada polo Concello, pero que, tendo en conta a realidade turística actual, non consideramos que precise Galicia como destino de xeito xeral. Con isto só lanzas unha mensaxe equivocada de que hai demasiados visitantes na cidade, que non veñan máis.
E non é que eu pense que Borja Verea é a persoa máis indicada para ser alcalde de Santiago: é que foi o candidato máis apoiado polos cidadáns, non hai que esquecerse. Leva moito tempo traballando por esta cidade e oxalá pronto poida servila desde onde máis se lle necesita.

– Despois dos últimos movementos no PP de Ourense, cales son os obxectivos de partido a cumprir neste ano que acaba de comezar?
– Buscamos dar a máxima estabilidade posible dadas as circunstancias. Creo que Ana Méndez vai facer un moi bo papel desde a portavocía municipal. Buscamos gañarnos máis confianza e apoio por parte dos ourensáns. E iso farémolo desde a unidade e o traballo duro, non hai outra receita.
– Que beneficios aportará Altri á Comarca da Ulloa, e a Galicia?
– Estamos a falar da creación de máis emprego industrial sustentable na comunidade e de facer fronte ao despoboamento do rural. Polo tanto, este Goberno apoiará calquera iniciativa industrial en Galicia encamiñada ao peche de ciclos ligados á madeira como este e que xere emprego e riqueza no territorio. Sempre e cando cumpra con todos os requirimentos que determina a lexislación medioambiental, por suposto. O que non se pode facer é dicir que non a calquera proxecto industrial que se queira implantar en Galicia para, acto seguido, queixarse de que non hai proxectos industriais.
– Cal sería o titular que pode resumir a onde se destinarán os cartos da Xunta neste 2025?
– Que se van a destinar a gobernar, a mellorar a vida da xente, e non a perder o tempo en líos, como vemos noutros lugares de España. Temos de novo uns Orzamentos aprobados en tempo e forma que permitirán reforzar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar políticas de vivenda e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico. A estabilidade que temos na nosa comunidade grazas a isto é algo a preservar.
– A Xunta vén de realizar unha declaración institucional do 2025 como Ano Castelao co gallo do 75 aniversario do seu falecemento. Que supón a figura de Castelao para Galicia?
– É un referente. Unha figura da que todos podemos e debemos sentirnos orgullosos. A identidade de Galicia que hoxe coñecemos non sería posible sen o labor de Castelao. Foi e segue sendo un emblema en distintos ámbitos como son a cultura, a arte ou a lingua, e tamén no da política. E por iso desde a Xunta aprobamos unha declaración que demostra o total recoñecemento de todo o pobo galego coa súa contribución.
O Ano Castelao é unha oportunidade para unirnos, lembrar o moito que temos en común e festexar a nosa identidade a través da homenaxe de todos os galegos ao que Castelao significou para a historia de Galicia.
– Cales son as iniciativas previstas da Xunta que destacaría e que se van desenvolver para homenaxear a figura de Castelao?
– Para nós é importante levar a cabo esta homenaxe desde a unión. Por iso impulsamos unha programación coordinada coas grandes institucións culturais galegas como a Fundación Castelao, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego ou o Museo de Pontevedra, entre outras. Hai moitas propostas encima da mesa, desde exposicións e actividades educativas ou filmes sobre a súa vida, ata a edición das dúas versións que deixou publicadas da peza teatral Os vellos non deben namorarse. Trátase dunha programación que irá medrando e ampliándose con novas accións, actividades e programas ao longo de 2025.
– O Goberno galego, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, vén de abrir unha convocatoria anual para apoiar aos festivais audiovisuais en Galicia cun investimento de 300.000 euros. Un sector que segue medrando na Comunidade co apoio da Xunta. Que actividades ou festivais destacaría para este ano 2025?
– Grazas ao traballo de tanta xente, Galicia conta cun destacado circuíto de festivais audiovisuais. Non é froito da casualidade, senón dunha aposta decidida do noso Goberno por que Galicia sexa un referente cultural en todo o pais. En 2024 dimos un gran paso adiante neste senso, unha decena de eventos, e para este o prazo de solicitudes aínda está aberto así que non podo adiantar nada. Pero veñen grandes eventos.
– Segundo o Instituto Galego de Estatística, a lingua castelán, xa é a máis falada polos galegos, e os nenos de 5 a 14 anos, saben pouco ou nada de galego. Como valora estas cifras? Que proxectos destacaría para fomentar o uso do galego para este 2025?
– Os datos poden ser enganosos, xa que esa enquisa acredita que non existe un problema de coñecemento, xa que a lingua galega conta cos niveis competenciais máis elevados de todas as linguas cooficiais. Sen embargo, si que se detecta a necesidade de poñer en marcha medidas que impulsen e prestixien o seu uso social. Por iso, no Goberno galego fomos os primeiros en propoñer un Pacto pola lingua e estamos traballando na renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega.
Isto compleméntase coa posta en marcha dunha batería de medidas inmediatas como cursos de lingua e cultura galegas para persoas nacidas fóra da Comunidade, a formación para persoal sanitario ou o impulso a novos recursos para neofalantes. O galego é o tesouro máis prezado da nosa cultura e desde a Xunta imos facer todo o posible por que se custodie e se fomente.
– Tras o éxito do Bono Deporte, vaise seguir con esta iniciativa neste 2025, que tanto éxito tivo? Vaise ampliar o investimento?
– O Bono Deporte foi unha medida extraordinaria polo efecto que tivo sobre as familias galegas, pero tamén na súa xénese. Naceu nun contexto de inflación para axudar ás familias galegas cos seus gastos deportivos e a súa acollida foi espectacular. En total descargáronse preto de 115.000 bonos, que equivalen ao 46% da poboación galega nesta franxa de idade. Foi moi importante e necesaria nun momento determinado, mais agora as circunstancias cambiaron, aínda que iso non quere dicir que máis adiante non podamos volver activar a medida.
En total descargáronse preto de 115.000 Bonos Deporte, que equivalen ao 46% da poboación galega nesta franxa de idade“
– No eido federativo, tamén se puxeron en marcha achegas de 1,7 millóns de euros para 36 federacións do Plan Corresponsales, para favorecer a conciliación e a igualdade. Neste 2025, vaise seguir ampliando o número de federacións beneficiarias deste programa? Como valora o seu funcionamento dende que se puxo en marcha?
– O ano 2024 foi o terceiro ano no que tivemos este plan, que creo que está a ter un funcionamento extraordinario nas familias galegas. Ademais de axudar ás familias equilibrando o tempo persoal, familiar e laboral, fomentamos a práctica deportiva entre os máis cativos. Agora mesmo chegamos a un total de 35.000 nenos e nenas ao neno; é unha cifra da que sentirse moi orgulloso. Para este ano, agardamos que a Secretaría do Estado de Igualdade, dependente do Ministerio, amplíe os fondos para que poida seguir en marcha.
– O Programa XOGADE, para a promoción do deporte entre a xente máis nova, é unha das iniciativas da Xunta máis destacadas, e con máis lonxevidade no eido deportivo, cales son os plans do programa para este ano 2025?
– O programa Xogade é unha mostra máis dun obxectivo moi claro que temos no Goberno galego: que todos os mozos leven unha vida saudable, na que o deporte teña un papel relevante. Ano tras ano incrementa a súa participación (na última tempada contabilizáronse preto de 150.000 escolares de 6 a 16 anos, se non recordo mal; supoñen o 60% dos escolares galegos nesas idades). O noso obxectivo é chegar ao 100% de cativos. Oxalá pronto podamos dicir que xa é unha realidade.
– En canto a infraestruturas deportivas, que proxectos da Xunta neste eido destacaría para este 2025?
– Por sorte, o deporte galego medrou moito nos últimos exercicios. Vimos de acadar, en dous anos consecutivos, o maior orzamento histórico para o deporte galego, e gran parte foi dirixido á construción e mellora des infraestruturas deportivas. E neste 2025 o plan é o mesmo. O proxecto Ferrol Cidade do Deporte comezará a ser unha realidade pronto, por exemplo. E vimos de garantir coa Deputación de Ourense a continuidade do proxecto do Complexo Deportivo de Monterrei, que neste verán estreará unha nova fase do seu parque acuático. Pero, sen dúbida, o proxecto estrela deste exercicio e dos vindeiros será a conversión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento. Queremos acadar a excelencia no deporte galego e isto vai supoñer un gran paso adiante.
O programa Xogade é unha mostra máis dun obxectivo moi claro que temos no Goberno galego: que todos os mozos leven unha vida saudable, na que o deporte teña un papel relevante“
– O 2024 foi ano Olímpico e os resultados foron moi positivos para os 46 deportistas galegos, que sumaron 4 medallas das 18 acadadas por España, ademais de 5 nos Xogos Paralímpicos. Pode valorar estes resultados en función das axudas a Deportistas de Alto Nivel e Olímpicos que concedeu a Xunta o ano pasado por case 750.000 euros?
– Os resultados foron aínda mellores, se non me equivoco: os olímpicos acadaron 6 medallas, ademais das 5 dos paralímpicos. E un gran número de diplomas. En calquera caso, os galegos volveron facer historia en París, igual que antes en Toquío. As axudas que se deron o ano pasado, acadando o seu histórico outra vez, obedecen a unha estratexia ampla no que respecta ao deporte de alto nivel. Penso que os resultados corroboran que imos polo bo camiño e que esta é unha das mellores maneiras de levar esa marca que é Galicia Calidade por todo o mundo.
