A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou o obradoiro dual de emprego Eume IV, cun investimento autonómico de 308.946 euros. Fíxoo no local da asociación veciñal Beira do Eume, no Concello das Pontes, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce. Esta formación está promovida polos concellos das Pontes, As Somozas e A Capela.
Un total de 15 alumnos inician con este obradoiro a súa formación na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Os participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver en diferentes espazos, como o parque Campo da Feira ou as prazas do Hospital e América, nas Pontes.
A delegada territorial puxo en valor este tipo de accións formativas que “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes, facilitando a súa inserción no mercado laboral a través da combinación da formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 9 meses”. Así mesmo, animou aos alumnos a “rendabilizar ao máximo” esta oportunidade. “As empresas precisan cada vez máis man de obra cualificada e aí é onde tedes a vosa oportunidade, porque a formación que ides recibir está pensada para satisfacer as necesidades reais do entorno”, lembrou.
1,3 MILLÓNS DE EUROS PARA CATRO OBRADOIROS
Este é un dos catro obradoiros duais de emprego que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra, cun investimento de 1,3 millóns de euros. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando a aquelas con dificultades para acceder ao mercado laboral.