Foron moitas as persoas que na xornada de onte abarrotaron as rúas de Santiago -desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro- convocadas polas Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) baixo o lema “A Xunta non pode calar a todo un país. Altri Non!”.
Dende a organización explican que “a cantidade de xente presente en Compostela obrigou á organización a baleirar e encher o Obradoiro en dúas ocasións e o manifesto tivo que ser lido dúas veces, mentres o Obradoiro ateigado, parte da mobilización estaba aínda na Alameda na saída da marcha, unha hora despois do comezo da manifestación a Alameda seguía ateigada de xente cara ao Obradoiro. Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige”.
Na Alameda, antes de comezar a marcha, Marta Gontá, presidenta da Plataforma Ulloa Viva explicou que “estamos aquí para mandar unha mensaxe moi clara: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpe e auga limpa. E non é negociable”. A presidenta de Ulloa Viva dirixiuse directamente a “Altri, a Xunta e Greenalia” para dicirlles que “non hai trato, o noso legado e o futuro das nosas fillas non é negociable”.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, dixo na Alameda de Compostela, que “a Xunta de Galicia non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri”. Recalcou Rubido que “impoñer a celulosa de Altri é actuar contra o conxunto da sociedade galega”. Lembrou o presidente da PDRA que “a Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”.
A convocatoria da manifestación levou onte a Santiago máis de 40 autobuses fletados pola veciñanza, concellos, asociacións e outros colectivos que levan meses apoiando esta loita veciñal. Todos os “grupos vivos” que levan case un ano traballando nos distintos concellos contra a macrocelulosa, asociacións, produtoras, colectivos ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos encheron Compostela dun “berro en defensa do noso territorio, do noso modelo de país, o noso pasado, presente e futuro”, con pancartas e mesmo un río Ulla cunha tea de 150 metros que levou a Santiago o impacto real desta macrocelulosa en todo o territorio “da Ulloa á Arousa”.
MANIFESTO NO OBRADOIRO
Leti da Taberna e Lois Pérez deron a benvida aos milleiros de persoas asistentes na praza do Obradoiro. No escenario -colocado na praza debaixo do despacho da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi- a mariscadora de Carril María Porto, a bateeira de Vilanova Marta Juncal, a bibliotecaria de Antas Teresa Batán e Ximena de Agolada, deron lectura ao manifesto.
Ao remate da lectura do manifesto comezou a música para celebrar de novo a unión e o apoio de todo o país, “da terra e do mar” xuntos contra a macrocelulosa. O Coro Encaixe e as Músicas da Ulloa encheron o Obradoiro de emocionantes argumentos cantados contra o proxecto.
“O PP SEGUIRÁ TRABALLANDO PARA QUE EN GALICIA EXISTA INDUSTRIA” DI PAULA PRADO
A portavoz dos populares, Paula Prado explicou que o Partido Popular seguirá traballando para que en Galicia exista industria. Prado engadiu que “sempre respectando o medio ambiente”. “A manifestación de onte foi organizada fundamentalmente polo BNG que non queren o progreso de Galicia, non queren industria e emprego”.
PONTÓN PIDE A RUEDA QUE “ESCOITE A MAREA DE DIGINIDADE”
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda que escoite a “marea de dignidade” que se mobilizou hoxe en Santiago para dicirlle “alto e claro ao Partido Popular Galiza, si; Altri, non” e que pare a “bomba ambiental” desta macrocelulosa contaminante que “é unha hipoteca para o futuro do País”.
Así o reclamou nunha mobilización que cualificou de “histórica”, cunha participación á altura da macromanifestación de Nunca Máis logo do Prestige, con arredor de 100.000 persoas, e na que participou xunto a unha nutrida representación do BNG integrada por alcaldes e alcaldesas, deputados e deputadas, tanto no Parlamento galego como no Congreso e no Senado, responsables políticos e militancia de base.
Pontón salientou a participación de miles e miles de galegos e galegas que hoxe lle dixeron ao PP na manifestación convocada polas plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa que non queren que lles poñan “no corazón do rural” unha macrocelulosa contaminante que pon en risco, advertiu, “8.000 empregos non só na comarca da Ulloa e Arzúa, senón tamén na ría de Arousa”.
“Hoxe estou moi orgullosa, como portavoz do BNG, de que esteamos aquí, coa xente de Galiza, dicindo que queremos vida, que queremos futuro e que por iso dicimos Altri, non”, concluíu.
OS SOCIALISTAS EXISEN Á XUNTA E AO PP QUE “EXPLIQUEN OS CAMBIOS NO PROXECTO DE ALTRI QUE NADA TEN QUE VER CO ANUNCIO INICIAL”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle a Xunta e PP que aclaren “xa” o proxecto de Altri para Palas de Rei, que cada vez é máis opaco. A responsable socialista participou hoxe na multitudinaria manifestación celebrada en Santiago de Compostela contra a instalación dunha planta de celulosa en Palas de Rei.
A mobilización contou coa presenza de representantes do PSdeG de toda Galicia e de Xuventudes Socialistas, deixando clara a oposición do partido a “este ou calquera proxecto que non garanta un futuro sostible para o territorio”.
Durante a súa intervención, Lara Méndez subliñou que “sempre dixemos que o proxecto presentado como estratéxico no Parlamento polo PP nada ten que ver co que fomos coñecendo co tempo”. Méndez lembrou que a postura do PSdeG é coherente e constante: “Cargos socialistas participaron en todas as concentracións deste tipo, e seguimos comprometidos coa defensa do equilibrio territorial”.
Pola súa manda o líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro tamén abordou a cuestión do proxecto de Altri. O voceiro lembrou que a empresa reclamou 250 millóns de euros de fondos públicos a fondo perdido para garantir a viabilidade do proxecto, “o que nos supón serias dúbidas sobre a súa sustentabilidade económica”.
“Levo meses preguntando se este proxecto é realmente viable ou só o será se se paga cos cartos de todos os galegos e galegas. Teño a crenza de que eses fondos extraordinarios non van chegar, e iso evidencia aínda máis as dúbidas sobre a viabilidade real deste proxecto. Se precisa un 25% de financiamento público a fondo perdido, estamos ante algo que cheira a chamusquina”, afirmou.
Gómez Besteiro destacou que este proxecto, que inicialmente foi presentado como un modelo de innovación e sustentabilidade, debe ser sometido a un exame rigoroso, especialmente se se financia con recursos públicos. “Os representantes do pobo galego teñen dereito a coñecer cal é o plan do Goberno para asegurar que os recursos públicos se invistan de forma eficiente e responsable”, engadiu.
“LAMENTAMOS A PERCEPCIÓN NEGATIVA DO PROXECTO GAMA” DIN DENDE GREENFIBER
Dende a empresa encargada do proxecto de Altri, explicaron aos medios de comunicación que “lamentamos que a sociedade teña unha percepción negativa do proxecto GAMA. Trátase dun proxecto que foi deseñado cos máis altos criterios de sostibilidade, circularidade e respeto do medio ambiente, marcados pola Unión Europea”. Engadiron que “a Comisión Europea non rexistrou proba algunha de incumprimento da normativa aplicable ao proxecto, que a súa vez está alineado co informe Draghi que aposta por impulsar a produtividade da industria e a competividade das empresas europeas baixo o prisma da sostenibilidade, as tecnoloxías limpas e a descarbonización”.
Dende a empresa promotora concluíron que “ seguiremos explicando o proxectos a todas aquelas entidades e colectivos que desexen informarse como fixemos ata o momento”.