A xunta de Goberno local de Ferrol licitou o contrato de subministración de mobiliario de oficina e aparellos eléctricos individuais de calefacción/ventilación para as dependencias municipais. Así, sácanse a licitación tres lotes. O primeiro consiste en cadeiras por un importe de 10.890 euros. O segundo, mobiliario xeral de oficina por 13.915 euros. Finalmente, o terceiro, con calefactores e ventiladores por 1.815 euros. O total do investimento ascende a 26.620 euros.
“Imos mellorar o mobiliario que non se atope en estado óptimo nas oficinas e diferentes departamentos municipais e noutras dotar de novos recursos de oficina”, informou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela. “O mobiliario de oficina pode acumular unha serie de desgaste e danos debido a paso do tempo e ao uso para o que foi destinado”, apuntou. A renovación tamén necesaria para traballar nun espazo máis ergonómico, cun posto de traballo que permita a maior adaptación posible ás características antropométricas e biomecánicas de cada persoa, cuestión fundamental para acadar a maior comodidade e, por tanto, maior rendemento no traballo.
Ademais, algunhas dependencias carecen de sistemas de climatización ou calefacción. Neste caso adquiriranse aparellos eléctricos individuais para mellorar as condicións termoclimáticas óptimas. Trátase dunha solución mentres non se dote ditas dependencias das correspondentes instalacións fixas de calefacción ou climatización para cumprir coas condicións de temperatura e humidade nos locais de traballo.