A Cata de Queixos e de Meles premiou coa medalla de ouro a Terra de Melide, Queinaga, Fontelas e Néboa, e a O Trobo, Mel de Monfero, Doce Bágoa e Labrega Mel
A Cata de Queixos e de Meles de Galicia, a primeira na súa vixésimo sétima edición e a segunda na súa vixésimo terceira, entregou o pasado luns, nunha gala en Santiago de Compostela, as medallas dun certame no que participaron un total de 54 meles e 47 queixos e que organiza a Xunta a través da Consellería de Medio Rural coa colaboración dos catro consellos reguladores de queixos con denominación de orixe galega (DOP San Simón da Costa, DOP Cebreiro, DOP Queixo Tetilla e DOP Arzúa-Ulloa), así como a do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.
Así, a XXVII Cata dos Queixos de Galicia, á que se presentaron 47 referencias, concedeu a medalla de ouro nas diferentes categorías a Terra de Melide (DOP Queixo de Tetilla), Queinaga de Curtis (DOP Arzúa Ulloa), Fontelas de Vilalba (DOP San Simón da Costa) e a Néboa de Friolfe (A! Artesanía Alimentaria).
As preseas de prata foron para Don Crisanto de Vilalba (DOP Queixo de Tetilla), Pazo de Anzuxao de Lalín (DOP Arzúa Ulloa), Don Crisanto (DOP San Simón da Costa) e para Savel de Chantada (A! Artesanía Alimentaria). Finalmente as medallas de bronce nesta Cata de Queixos de Galicia entregáronllas durante o acto aos representantes de Queinaga (DOP Queixo de Tetilla), Terra de Melide (DOP Arzúa Ulloa), Leitigal de Castro de Rei (DOP San Simón da Costa) e a Tenzo de Moaña (A! Artesanía Alimentaria).
Na XXIII Cata dos Meles de Galicia as medallas de ouro recaeron en O Trobo do Valadouro (Meles Multiflorais), Mel de Monfero (Meles Monoflorais) Doce Bágoa de Boborás (Meles Artesáns) e Labrega Mel da Pobra de Trives (Meles de Bosque ou Melada). As pratas recibíronas Mel do Santar (Meles Multiflorais) de Mañón, Mel do Sor (Meles Monoflorais) tamén de Mañón, e Abella Meiga (Meles de Bosque ou Melada) de Outeiro de Rei.
E, completaron os podios desta Cata de Queixos e de Meles de Galicia: O Poder das Flores (Meles Multiflorais) de Alfoz, Manuel Sande (Meles Monoflorais) do Corgo e Casa Merche (Meles de Bosque ou Melada) de San Cibrao das Viñas.
O queixo e o mel de Galicia poden definirse como “un libro saboroso e doce da nosa historia”, dixo a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa intervención no acto de entrega das mellas que culminou esta Cata de Queixos e de Meles de Galicia que se desenvolveu dende o pasado mes de novembro.
De queixo en queixo poderíase facer o Camiño de Santiago acompañado do mel, que servía aos peregrinos como produto terapéutico, enerxético, antiséptico e cicatrizante”
En relación coa excelencia destas producións, recoñecidas nesta Cata de Queixos e Meles de Galicia, a conselleira incidiu en que “temos os mellores queixos do mundo”, como se pon de manifesto cos recoñecementos que reciben nos diferentes certames internacionais do sector, algo no que, engadiu, “o mel non se queda atrás”.