Bernardo Valiño, que foi durante dúas décadas director do macrofestival, presentou o seu libro ‘A permanente aventura en Galicia da Romaría Internacional‘
Bernardo Valiño (Sobrado dos Monxes, 1936), que foi fundador e director durante dúas décadas (1980-2001) da Romaría Internacional, afondou na historia e intrahistoria do macrofestival durante a presentación do seu libro A permanente aventura en Galicia da Romaría Internacional, que tivo lugar na Aula da Natureza de Souto, no Concello de Toques, e que contou coa participación do autor, o alcalde José Ángel Penas García, o concelleiro Marcos Villamor, o xuíz José Antonio Vázquez Taín e o xornalista Cristobal Atienza.
O propio Bernardo Vilariño plantou a semente da Romaría Internacional en Culleredo no ano 1980, que rápidamente medraría na forma dun Padroado que agromou tras unha xuntaza nas Pontes, ao que se adheriron multitude de pequenos Concellos e que estivo integrado por alcaldes e concelleiros de Cultura de todas as cores políticas.
A creación da Romaría Internacional por Valiño, que en moi pouco tempo converteuse nun referente cultural, permitiu a todos estos pequenos Concellos desfrutar de espectáculos e actuacións internacionais de primeira fila como o Teatro Bolshoi ou a Ópera de Pequín, o que provocou que outras comunidades mostrasen moito interese por un evento que remataría a súa andaina no ano 2001.
O alcalde José Ángel Penas destacou os lazos familiares que vencellan a Bernardo Valiño co concello de Toques, así como a importancia dos espectáculos que organizaba a Romaría Internacional nestes pequenos municipios que non contaban coas infraestruturas culturais para o seu desenvolvemento, polo que a Romaría Internacional, baixo a dirección de Valiña despregaban nestas vilas escenarios de ata 400 metros cadrados ou os equipos máis modernos de luz e son.
Na presentación do libro, que foi posible grazas a xestión do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, todos os presentes destacaron a forte personalidade de Bernardo Valiño, así como o seu carácter solidario amosado en numerosas accións e iniciativas en diferentes organizacións e onegués.