A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou o obradoiro Reinicia XI, que conta cun orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de case 412.000 euros. Fíxoo no edificio da Alianza Aresana, acompañada dos alcaldes de Fene, Juventino Trigo; e Ares, Julio Iglesias; e representantes municipais de Mugardos. O obradoiro está promovido de maneira conxunta polos tres concellos.
Un total de 20 persoas en situación de desemprego participan neste itinerario formativo. Así, formaranse nas modalidades de carpintería e moble e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
O alumnado completará a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local. Estas desenvolveranse nos municipios participantes. Exemplos das actuacións son a realización de mobiliario de oficina para as dependencias do Concello de Fene, mobiliario urbano para Mugardos ou a construción de ventás para o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares.
A delegada territorial destacou a valía deste tipo de formación “polo seu carácter social e pola súa contribución a mellorar as oportunidades de empregabilidade dos participantes”. Ademais puxo os obradoiros duais como exemplo da colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de emprego.
Este é un dos catro obradoiros que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 millóns de euros. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando as que teñen dificultades de inserción como poden ser emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero ou as persoas con diversidade funcional.