A concelleira de Política Social, Rosa Martínez, levou á comisión a proposta de destinar o POS Social 2025 para o reforzo/ampliación de persoal técnico administrativo adscrito aos servizos sociais do Concello de Ferrol.
“Tratamos de reforzar e apoiar aos equipos que temos para facer unha tramitación administrativa más áxil, sobre todo cando se nos presentan situacións de emerxencia”, afirmou a edil. Así, a contratación farase a través da bolsa de emprego do Concello e serán dous traballadores sociais. Unha delas xa está contratada desde o pasado 1 de decembro ata o 31 de agosto de 2025. O outro posto será cuberto por un profesional de traballo social durante un período de nove meses, coa fin de facer fronte ao incremento da demanda deste servizo.
A Deputación da Coruña asignou ao Concello de Ferrol a contía de 56.766,61 euros a través do POS Social. Pola súa banda, a administración local aportará máis de 12.100 euros para facer fronte a este reforzo de persoal.
O POS social pretende apoiar os servizos municipais e incrementar o gasto extraordinario e a tramitación urxente das prestacións sociais necesarias en situación de risco para as persoas vulnerables. A ampliación de persoal é un dos gastos extraordinarios que contempla este POS e polo que opta o Concello de Ferrol nesta ocasión.