O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, anunciaron a licitación da redacción do proxecto para construír o primeiro instituto público do municipio. O centro educativo suporá un investimento de 9.081.356 euros e a previsión inicial é que abra as súas portas para o curso 2026/27. Así pois, terá capacidade para 320 alumnos e alumnas.
“Con esta nova actuación, damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o alumnado se teña que desprazar a Ourense para cursar ESO e Bacharelato”, sinalou o responsable de Educación do Goberno galego.
Este compromiso da Xunta deriva do protocolo asinado co Concello do Pereiro de Aguiar o pasado mes de decembro para ampliar o Colexio CEIP Pluriingüe Ben-Cho-Shey e para estudar as posible vías de implantación da Educación Secundaria no municipio.
Neste sentido, o Goberno autonómico analizou os datos demográficos do municipio antes de iniciar o proxecto. Así, ante o constante crecemento nos últimos anos, optouse por construír un instituto, xa que se prevé un incremento de arredor de 200 alumnos e alumnas no ensino secundario obrigatorio nos vindeiros cursos.
Esta nova obra de construción enmarcarase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os vindeiros tres anos, que conta cun orzamento de máis de 210 millóns de euros.
PRAZOS PARA FACER REALIDADE O IES
Xa se licitou a redacción do proxecto, coa previsión de poder licitar a obra arredor de xullo de 2025. Deste xeito poderíanse iniciar os traballos de construción no último trimestre de 2025.
O investimento previsto supera os 9 millóns de euros e o prazo de execución das obras, segundo as estimacións iniciais, será de 18 meses. O instituto contará con aulas para oito grupos de ESO e catro de Bacharelato. Para a súa edificación, o Concello cederá á Consellería unha parcela de 20.000 m².
Á espera do que se concrete no proxecto, o centro disporá dunha superficie útil de 3.276,4 m². Ademais das 12 aulas para ESO e Bacharelato, contará con aulas de apoio educativo e desdobres, así como outras específicas para música, tecnoloxía, plástica, laboratorios, seminarios, etc. Tamén albergará un espazo aberto e multifuncional de foro, seguindo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica; biblioteca, ximnasio, aseos e vestiarios, tanto estándar como adaptados.
No tocante á área de administración, contará con todos os espazos necesarios para o cadro de profesorado e equipo directivo. A maiores, dotarase ao edificio dun local para cafetería.
AMPLIACIÓN DO CEIP
A construción do primeiro instituto do Pereiro de Aguiar súmase ao compromiso xa adquirido o decembro pasado para ampliar o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey. Así, preténdese dar cabida á matrícula crecente en Educación Infantil e Primaria. Actualmente o proxecto básico está en fase de redacción e a intervención está entre as prioridades para o ano 2025.
A ampliación do colexio engadirase ao conxunto de melloras das que xa foi obxecto o centro nos últimos anos. Neste sentido, a Xunta investiu máis de 1,2 millóns de euros, destacando a ampliación realizada no 2013 por case medio millón de euros.